Manos Unidas recada en Vilalba máis de 4.200 euros en dúas actividades

A Comarcal de Manos Unidas de Vilalba vén de desenvolver varias actividades solidarias nas últimas semanas, coa intención de recadar fondos para os seus proxectos e sensibilizar á cidadanía.
Tras a presentación da Campaña contra a Fame, celebrada o segundo fin de semana de febreiro, a organización levou a cabo un Festival Solidario e participou cun posto na Feira do Queixo de San Simón da Costa.
O Festival Solidario tivo lugar o pasado sábado 29 de marzo ás 20:00 horas, evento xa tradicional na comarca, organizado pola Comarcal de Manos Unidas de Vilalba. O acto foi presentado por María Xosé Lamas e contou coas actuacións de Aurelio Chao Fernández, Estrella Naseiro, Nena Carmen e a Asociación Cultural de Andrade. Na organización e celebración do festival colaboraron o Concello de Vilalba, Imprenta Junor, a Unidade Pastoral de Vilalba e a empresa ALLENTUM. Durante o evento recadáronse 3.235 euros, que serán destinados aos distintos proxectos presentados.
O festival contou cunha ampla participación de público e coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, ademais de representantes da Delegación Diocesana de Manos Unidas de Mondoñedo-Ferrol e da Unidade Pastoral local. O público gozou enormemente das actuacións presentadas.

En canto á participación na Feira do Queixo de San Simón, destaca a gran afluencia de público, especialmente o domingo 7 de abril. Foron moitas as visitas ao posto de Manos Unidas, onde se venderon diversos artigos, na súa maioría artesanais, e se informou sobre os proxectos en curso. A recadación acadada durante os dous días da feira foi de 1.011 euros.
No conxunto destas actividades, a Comarcal de Manos Unidas de Vilalba achegou un total de 4.246 euros á Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Este logro foi posible grazas á colaboración desinteresada de varias persoas voluntarias que, sen pertencer oficialmente á organización, traballaron intensamente na preparación e atención do posto, así como na elaboración de produtos artesanais para a súa venda. Cómpre destacar que o Concello de Vilalba facilitou gratuitamente o espazo para o posto na feira.
Desde a Comarcal de Manos Unidas de Vilalba, agradécese moi sinceramente ao Concello de Vilalba, aos medios de comunicación e a todas as persoas colaboradoras pola súa axuda e boa acollida das actividades organizadas.