Mans Unidas de Vilalba recauda 2.215 euros sen celebrar o festival anual
Mans Unidas rematou a súa campaña anual cun balance moi positivo malia non poder celebrar a súa gala anual debido á situación sanitaria.
O festival tiña que ser celebrado o 14 de marzo pero foi aprazado ata mellorar a situación. Aínda así, tivo que ser suspendido definitivamente tres días antes da súa celebración, polo que as persoas que compraron entradas foron convocadas para a devolución das entradas sen que ninguén o solicitase.
"Unha vez máis o pobo de Vilalba, o das súas parroquias e o da súa comarca, é dicir, todos os que ano tras outro colaboran con Mans Unidas volveron demostrar a súa xenerosidade solidaria cos máis pobres entre os pobres. Non atopamos palabras para expresar o noso agradecemento", subliñan dende a directiva da organización solidaria.
En total vendéronse 320 entradas o que supuxo 1.600 euros ao que se suman os 615 de distintas donacións, o que fai un total de 2.215 euros.
Este diñeiro vai destinado ao proxecto Defensa dos dereitos das mulleres rurais en Huamachuco, (Perú). Huamachuco é unha poboación rural dispersa duns 41.000 habitantes que se dedica fundamentalmente á agricultura de subsistencia e á gandería. Os medios de comunicación e de transporte son moi deficitarios, o que tamén dificulta o acceso á educación, á saúde, á subministración de auga e de enerxía eléctrica, entre outros. A taxa de alfabetización é baixa e afecta moito máis ás mulleres.
Para poder dar solución a este problema, Cepedas-Norte vén traballando desde o ano 2001 con 115 mulleres e 69 homes en 9 comunidades rurais de Huamachuco para consolidar a inclusión da muller na vida social e produtiva, facendo valer os seus dereitos e mellorando a formación dos funcionarios públicos responsables en materia de violencia de xénero.
O proxecto ascende a 30.000 euros. O 15% achégano as comunidades rurais de Huamachuco e o 85% restante financiarao Mans Unidas para gastos de funcionamento, transporte, equipamento, materiais, persoal e servizos.
A dirección comarcal de Mans Unidas fixo un comunicado de agradecemento a todos aqueles que se mostraron dispostos a participar na gala como Troyanos de Compostela, Entre Lusco e Fusco ou a presentadora María Xosé Lamas. Tamén mostraron agradecemento a outros colaboradores como o Concello de Vilalba, Imprenta Junor, Carnicería Generosa, Representaciones Cabarcos, Xoamón e Embutidos Elote, Panadería Iglesias, Panadería Martiñán, Tahona Curras, Entrepinares, Dispravia, Bodegas Baamonde e Estrella Galicia.