Mans Unidas recadará fondos para un proxecto no Salvador este sábado

TerraChaXa
O grupo municipal de Mans Unidas de Vilalba celebrará o 7 de abril un festival solidario co que pretende recadar fondos para a financiación dun proxecto no Salvador, a segunda fase dun plan de formación de familias campesiñas para conseguir unha agricultura sostible, da que se están beneficiando unhas 570 persoas de 95 familias.
6 Abr 2018

O grupo municipal de Mans Unidas de Vilalba celebrará o 7 de abril un festival solidario co que pretende recadar fondos para a financiación dun proxecto no Salvador, a segunda fase dun plan de formación de familias campesiñas para conseguir unha agricultura sostible, da que se están beneficiando unhas 570 persoas de 95 familias.

O festival solidario, que xa é a oitava edición da súa celebración anual, terá lugar no Auditorio Gustavo Freire a partir das 20.30 horas. O prezo da entrada será de 5 euros. María Xosé Lamas será a encargada de presentar este festival, no que participarán o grupo de baile folclórico da asociación cultural Os Valuros, de Castro de Rei; os músicos clásicos vilalbeses Barut e Rosana Domínguez Grandío e os tunos Troyanos de Compostela.

Como explica Manos Unidas, o Salvador, cunha poboación algo superior aos 6 millóns de habitantes, era un país agro exportador e recentemente pasou a ser importador de produtos alimenticios básicos. No Departamento da Paz máis do 50% da súa poboación dedícase á agricultura e ganadería de subsistencia cuns sistemas de produción pouco rendibles. Por iso A Pastoral da Terra de Cáritas de Zacatecoluca solicitou a Mans Unidas completar o proxecto iniciado en 2016 coa execución dunha segunda fase. Esta ten como obxectivos aumentar e diversificar a produción destas 95 familias e ensinarlles técnicas de procesamento dos excedentes para comercializalos e así xerar algúns ingresos económicos que lles permitan mellorar o seu nivel de vida.

A diócese de Mondoñedo - Ferrol pretende conseguir 45.586 Euros para financiar esta segunda fase do proxecto, mentres que os beneficiarios locais aportarán terreos, equipos e horas de traballo e tamén se encargarán de difundir o aprendido ao resto das familias das comunidades parroquiais de San José de Palma, San Pedro Mártir e San Jerónimo. Parroquias nas que se executará o proxecto.

0.13871097564697