Manu Chao visitou Vilalba, a terra natal do seu pai
Manu Chao estivo en Galicia na primeira quincena de marzo para ofrecer unha pequena xira, baixo o sobrenome de ‘O Chapulín solo’, un proxecto acústico co que presentou temas novos e de sempre sen perder de vista a ledicia, a loita e o compromiso que caracteriza a súa música.
Así, recalou na compostelá Sala Capitol e na luguesa Sala Tebras cun total de catro actuacións, nun formato máis íntimo e persoal, subindo ao escenario xunto a Lucky Luciano e Miguel Rumbao, que o acompañaron á guitarra e á percusión, respectivamente.
Foron os primeiros concertos de Manu en terra galega dende 2014, cando actuou por última vez en Reperkusión, o festival ourensán de Bemposta no que o músico se involucrou con actuacións durante tres anos consecutivos.
No ecuador desta xira galega achegouse un día ata Vilalba, a terra natal do seu pai e dos veráns da súa infancia. Foi nunha visita privada para saudar a familiares e amigos, na que moitos chairegos lle pediron que volvese pronto para tocar, preferentemente nas festas de San Ramón.