Manuel Lourenzo dirixe e interpreta este sábado a obra 'O palco e as lúas' en Outeiro

TerraChaXa
Este sábado, 23 de febreiro, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, a compañía Elsinor Teatro presentará O palco e as lúas, peza escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.
palco e luas outeiro_portada
21 Feb 2019

Este sábado, 23 de febreiro, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, a compañía Elsinor Teatro presentará O palco e as lúas, peza escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.
O palco e as lúas, dunha hora de duración, está composta por catro pezas breves (Zanzíbar, Postulantes, Noite pecha e A terraza). Entre o elenco de actores que interpretan estas pezas, salienta o dramaturgo de Ferreira do Valadouro, Manuel Lourenzo. Este, vinculado ao teatro independente desde 1965 como director, actor, teórico, divulgador e grafista fundou e impulsou grupos e compañías teatrais como O Facho, o Grupo de Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, Teatro Luís Seoane, Club Teatral Elsinor e Casa Hamlet e ten unha extensísima e rica obra dramatica que iniciou en 1969 con Romaría ás covas do demo e que conforman, entre outras, Veladas indecentes, A larva furiosa, Suite Artabria ou As dunas. Lourenzo recibiu moitísimos premios teatrais como o Abrente (1978), Teatro de Cámara Ditea (1985), Rafael Dieste (1996, 1999), Otero Pedrayo (2011), Álvaro Cunqueiro (2009, 2016), o Nacional de Literatura Dramática por Veladas indecentes (1996) e o Nacional da Cultura Galega de Artes Escénicas (2008). Desde mediados dos oitenta conta con papeis en obras audiovisuais diversas (curtametraxes, longametraxes e coñecidas series televisivas), como as máis recentes Fariña e Serramoura.
A compañía Elsinor Teatro, fundada en 1990 como grupo independente e autoxestionado, ten como obxectivo a práctica dun teatro do noso tempo, libre de imposicións e atento a un diálogo fértil cos espectadores. Caracteriza o grupo a exploración de linguaxes, tanto do punto de vista literario ou actoral, canto do puramente escénico. Na súa historia, o grupo tivo dúas etapas: a primeira, de 1990 a 1998, e a segunda, de 2013 ao momento actual. En ambos os dous casos, abunda na produción de formas breves de teatro, con poucos intérpretes e unhas linguaxes innovadoras.
A sipnose das pezas que se poderán ver este sábado no auditorio da Casa-Museo é a seguinte:

  • Zanzíbar: dúas mulleres proxectan unha viaxe a Zanzíbar, no oriente africano...
  • Postulantes: a Cidade está aberta. Non hai segredos para ninguén. Todo o que se ocultaba salta co estalar da luz. Todos postulan. Todos queren atinxir... o paraíso?
  • Noite pecha: Marta sae a tirar o lixo cando se atopa cunha veciña que a retén con preguntas as que ela non desexa responder. Cales son os segredos que non queren que saiban as veciñas?
  • A terraza: nunha terraza con vistas ao mar, dúas amigas esperan a chegada dunha terceira, que ven de viaxar polas illas gregas. Casualmente, un músico chama a atención da recén chegada.

As persoas interesadas en asistiren (entrada libre até encher o aforo) poden reservar o billete en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621

0.1913321018219