Manuel Requeijo anuncia para Muras a municipalización do SAF e a creación dun centro comunitario de maiores
A creación e xestión dun centro coworking para emprendedores na Casa Rouco e a implantación dunha marca protexida para a comercialización da carne vacún de Muras, dúas das accións programáticas do BNG a destacar para desenvolver na vindeira lexislatura.
O BNG de Muras comezou a presentar aos veciños e veciñas os obxectivos do seu programa electoral para o vindeiro mandato, entre os que destacan a recuperación da xestión directa do servizo de axuda no fogar, un dos servizos fundamentais do concello, que actualmente está prestando arredor de 19.000 horas anuais, das cales 18.000 a xente dependente, cunha equipa de 18 auxiliares.
"Con esta nova medida poderíase aforrar ata un 20 % do custe do servizo, e poderíamos ter un xestión máis eficaz e eficiente, ademais de recuperar o control total da prestación do programa de axuda no fogar, a pesar de que é unha competencia exclusiva da Xunta de Galiza que o PP non quere asumir e lla carga aos concellos", explica o alcalde e candidato do BNG, Manuel Requeijo.
No ámbito dos servizos sociais, outra das accións a levar a cabo é a reforma e adaptación da reitoral de Muras para convertela nun centro socio-comunitario para os maiores, e para iso, o alcalde xa realizou diferentes xestións no obispado para conseguir a cesión do inmoble e que isto sexa unha realidade nos vindeiros anos.
O candidato do BNG manifestou que “a vindeira lexislatura vai ser a da promoción económica, ca posta en funcionamento do polígono industrial e a creación dun centro coworking na casa de Rouco. Os emprendedores terán sitio e ferramentas para levar a cabo os seus proxectos”.
MARCA MURAS
Requeijo engadiu que “no sector agrogandeiro creemos que tamén é importante contar cun mecanismo de protección e promoción da carne vacún de Muras, que polas súas especiais características de alimentación, manexo e calidade debe ser diferenciada e protexida, para favorecer a súa comercialización a un prezo digno para os gandeiros e imos traballar arreo para conseguilo a través da creación dunha Marca Muras.
Por último, o alcalde e candidato apuntou que “temos un programa con propostas serias e viables, coas que podemos seguir mellorando o benestar e os servizos sociais de Muras. Co BNG no goberno, a veciñanza pode estar segura que non imos recortar nin un céntimo en servizos e axudas, propoñendo novos proxectos para que Muras siga a ser un referente e non polo que se coñecía cando gobernaba o PP", resume.