Mar Pérez Fra afirma na Pastoriza que defenderá en Europa a eliminación da fenda dixital
A integrante da candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, Mar Pérez Fra, mantivo un encontro cos concelleiros e militantes da Pastoriza onde escoitou as principais reclamacións que neste concello lle fixeron sobre a fenda dixital e as liñas de traballo que o BNG debería levar a Europa neste tema. Mar Pérez Fra afirmou “ Galiza é a segunda comunidade do Estado con menor implantación de banda ancha, a fenda dixital foi nos últimos anos aumentando as desigualdades sociais na Galiza, o que provoca unha maior crise económica, exclusión social e incomunicación, como pasa no concello da Pastoriza “existindo diversos fondos europeos cos que solucionar a fenda dixital, como os fondos FEDER, non pode ser que na Pastoriza, como en outras zonas do país, existan problemas de acceso á banda ancha.
Para evitar a fenda dixital, é necesario dotar das infraestruturas necesarias para unha conexión de banda ancha de polo menos 100 Mbps ó 100% da poboación. O fenómeno de fenda dixital non é só un problema xeral nin só de infraestruturas. En diversos estudos estatísticos sempre se remarca que existe unha fenda dixital por renda, de xénero, de idade, formativa, xeográfica e laboral.
“Non só existen fondos para garantir a conectividade, imprescindible nestes tempos, senón que segundo a normativa europea, os Estados membros deben garantir que todos os consumidores poidan dispoñer a un prezo accesible dun acceso adecuado a Internet de banda ancha”, salienta a candidata do BNG.