Marcos Escudero gañou o concurso de Canteiros de Guitiriz


A carballeira de Parga acolleu este domingo 20 de xullo, a XXX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, organizada polo Concello e a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santo Estevo de Parga, un evento que cumpre trinta anos consolidado como unha das citas máis emblemáticas do municipio.
A primeira hora da mañá abría o XXVII Certame de Cantería, que nesta ocasión reunía a 13 canteiros. O primeiro premio foi de 750 euros para o primeiro clasificado, Marcos Escudero, cun busto indio. Jacobo Liste, cos tres amigos compartindo botellas, gañou o segundo con 500 euros e 250 foron para o terceiro, que correspondeu a Nicolás Ricón, simulando unhas cantareiras.
Os asistentes á feira tamén puideron desfrutar da Mostra de Artesanía e exposición e venda de galiñas autóctonas de Galicia; ou o campionato galego de Andadura federada 2025, proba puntuable para o Campionato Galego de Andadura.
Ás 11 horas comezaron as actuacións musicais, a cargo dos grupos municipais da banda de música, o grupo de gaitas e a agrupación Na Casa Zoqueiro. O pregón correu a cargo de Manuel Vizcaino Díaz, que foi mestre e director do colexio Santo Estevo de Parga.
A partir de media mañá comezou un dos momentos máis agardados: a venda das racións de callos, ademais de polbo ou churrasco.
Tamén se organizou un obradoiro, dirixido aos máis pequenos, para crear personaxes en 3D con pasta de papel e, como colofón, o grupo musical A Banda da Balbina pechou (desde as 19 horas) a festa.
