Marcos García Lombardero, presidente da xestora do PP da Pastoriza

TerraChaXa
Este nomeamento xurde do consenso entre afiliados e do propio grupo municipal, cuxo voceiro seguirá sendo José Bouso
CONVENIO GUITIRIZ chms
29 Mar 2022

A dirección provincial do Partido Popular continúa co proceso de renovación das agrupacións locais de cara aos comicios do ano 23. Deste xeito, Marcos García Lombardero vén de ser nomeado presidente da xestora da formación popular de A Pastoriza.

Este nomeamento xurde do consenso entre afiliados e do propio grupo municipal, co fin de acadar o cambio de goberno nas vindeiras eleccións municipais. Segundo este proceso, José Bouso continuará coa súa responsabilidade de voceiro do Grupo Municipal. O resto de integrantes da xestora serán dados a coñecer no prazo dun mes.

Marcos García Lombardero é veciño deste municipio e ten 34 anos. A súa vinculación co Partido data de hai máis dunha década, cando se afiliou a Novas Xeracións. É unha persoa moi coñecida, debido á súa condición de encargado dun destacado establecemento da zona.

Asume o cargo “cunha gran responsabilidade, xa que o noso obxectivo debe ser desbancar ao PSOE da alcaldía. Unha forma de xestión é posible, e iso só pode vir da man do Partido Popular. Toca traballar a reo co Grupo Municipal para que os veciños vexan que somos a alternativa a un goberno desgastado e sen iniciativa para dar servizos a un concello como o noso, situado en plena Terra Chá e cun gran potencial económico debido á súa produción leiteira”.

Obxectivos

Dende a dirección provincial agradecen o compromiso de García Lombardero e póñense á súa disposición para conquerir os obxectivos marcados, e que pasan segundo avanzou o presidente por “abrir o partido, reforzalo e canalizar da mellor forma o caudal de confianza que nos dan os veciños, xa que nas municipais sempre gañamos as eleccións, aínda que sen maioría absoluta. En definitiva, sumar e sumar”.

0.171147108078