Margarita Ledo recibe en Barcelona o premio Letras Galegas Vivas

LugoXa | TerraChaXa
Proxectouse no cinema Maldà de Barcelona a película 'Nación' coa presenza da directora como parte dos actos
entrega-premio-margarita-ledo
Un momento do xantar
28 Apr 2025

A Biblioteca Sabela Labraña, pertencente á Asemblea Cultural Galega de Barcelona, homenaxeou a figura da cineasta, xornalista, feminista e activista Margarita Ledo Andión coa entrega do II Premio Letras Galegas Vivas, recoñecemento que destaca o compromiso coa lingua e a cultura galegas.

Como parte das actividades arredor do galardón, o pasado 25 de abril proxectouse no cinema Maldà de Barcelona a película de non ficción Nación coa presenza da directora, Margarita Ledo. A proxección dedicouse postumamente a Nieves Pérez Lusquiños, protagonista do filme, falecida o pasado 16 de abril. Estreada no ano 2020, Nación relata a incansábel loita laboral das traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa (Pontevedra), que pechou no ano 2001, e a súa perseveranza na defensa dos seus dereitos. O documental compleméntase con innúmeros fragmentos de memoria colectiva das mulleres silenciadas, ofrecendo un retrato profundo e poético dunha loita inconclusa.

A película foi premiada no Festival de Cinema Europeo de Sevilla en 2020 e distinguida polo Instituto da Cinematografía e Artes Audiovisuais (ICAA) como obra “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”. Varias ducias de persoas asistiron á proxección e participaron nun coloquio coa directora, que permitiu afondar nas motivacións e no contexto da obra.

O día 26 no Ateneu Roig, sede da asociación, realizouse o acto de entrega do premio nun ambiente de emoción e compromiso coa lingua. A xornada abriu cun debate coa propia Margarita, quen reflexionou sobre a situación actual do galego e os desafíos que afronta. A continuación houbo unhas delicadas actuacións poético-musicais e finalmente chegou o momento culminante de entrega do galardón: unha escultura do artista Anxo Baranga inspirada no universo dos libros, símbolo do saber, da memoria e da resistencia cultural.

⚙ Configurar cookies
0.15958094596863