Margarita Ledo recibirá o premio de Honra nos Mestre Mateo
A xornalista, directora, poeta e catedrática Margarita Ledo, natural de Castro de Rei, recibirá o premio de honra Fernando Rey na XX edición dos Mestre Mateo, que se celebrarán o 19 de marzo no Teatro Colón da Coruña.
O presidente da Academia Galega de Audiovisual, Álvaro Pérez, explicou que Ledo recibirá o premio de honra por ser unha "figura de referencia no eixo da cultura" polo seu traballo como xornalista, directora, poeta e escritora.
Ademais deste motivo, atópase tamén o seu labor en impulsar a creación da sala de cinema independente Numax en Santiago, do grupo de estudos audiovisuais e a facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Por último, Pérez resaltou o seu traballo en "recuperar voces e historias" da historia recente de Galicia desde "unha posición independente e reivindicativa", así como o seu compromiso co feminismo e o galego.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de dar a coñecer o nome da honoraria, cualificándoa como "tremendamente mereciente" do premio.
Ademais, expresou que a Academia acertou " co nome" e que o anuncio será "ben recibido" polo sector.
O SECTOR
Tanto desde a Academia como desde a Xunta explicaron que o audiovisual galego está a vivir unha "pequena idade de ouro" que está a consolidar ao sector non só cultural senón tamén industrialmente, permitíndolle "mirar aos ollos" a calquera outra rexión europea.
O presidente da Academia explicou que os contidos galegos están "a percorrer mundo", conseguindo recoñecemento internacional tanto en galardóns como nas plataformas de streaming.
Ademais, Rodríguez engadiu que este recoñecemento tamén vén desde dentro de España, xa que lembrou que na última edición dos Premios Goya cinco galegos obtiveron premio.