María José Gómez destaca a aposta polas razas autóctonas gandeiras para a sustentabilidade

LugoXa | TerraChaXa
A conselleira visitou neste Día Internacional da Muller Rural, unha explotación xestionada por unha muller e que está centrada no aproveitamento da cachena
explotacion-cachenas-outeiro-de-rei
16 Oct 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo onte en valor a aposta pola sustentabilidade económica, social e ambiental que supón a potenciación das razas autóctonas gandeiras galegas, unha liña de traballo que desenvolve a Xunta en colaboración co sector. Foi nunha visita á explotación Cachenas de Antía, en Outeiro de Rei, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde da localidade, José Pardo.

A conselleira puxo de relevo, neste Día Internacional da Muller Rural, o feito de que esta explotación sexa xestionada por unha muller e que estea centrada no aproveitamento dunha raza autóctona como é a cachena. Remarcou, neste sentido, que reúna unha cabana gandeira de arredor de 80 cabezas, repartidas entre Outeiro de Rei e Navia de Suarna.

Así mesmo, subliñou que o apoio do seu departamento ás razas autóctonas ponse de manifesto mediante diferentes iniciativas, entre as que salientou os convenios de colaboración coas asociacións de criadores, para actuacións de conservación e recuperación, e as axudas á recría de gando bovino e ovino-cabrún ameazado, convocadas este ano por primeira vez. Lembrou que os convenios -asinados entre outras entidades coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga)- representan un esforzo orzamentario de 2,5 millóns de euros ata o 2027 e que as achegas para recría suman outros 390.000 euros.

Gómez explicou que con estas iniciativas procúrase unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a preservación da diversidade xenética destas razas; a sustentabilidade agrogandeira; a mellora da economía rural a través da calidade dos seus produtos; e a conservación do seu valor cultural e patrimonial. Todo isto, concluíu, desde a consideración das razas autóctonas como un importante factor de desenvolvemento rural e como unha ferramenta extraordinaria de xestión do territorio e mesmo, incluso, como elemento de prevención de incendios.

⚙ Configurar cookies
0.067816019058228