María José Gómez puxo en valor o matadoiro móbil de Cospeito, "unha ferramenta pioneira en España"

TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural visitou o recinto da Feira do Porco da Ceba, que este ano acada a súa 35ª edición, para visitar os expositores que participan nela
Feira-do-Porco-da-Ceba-de-Cospeito
30 Nov 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou a Feira do Porco da Ceba de Cospeito, onde se atopaba instalado o matadoiro móbil impulsado por este departamento.

Alí, puxo en valor esta ferramenta, pioneira en España, que xa deu servizo o preto de 200 explotacións galegas de gando ovino, cabrún e porcino en menos dun ano de funcionamento.

A titular de Medio Rural destacou que este servizo público axuda a mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas lonxe dos matadoiros convencionais.

Ademais, María José Gómez salientou as vantaxes que ofrece o matadoiro móbil aos gandeiros de gando ovino, cabrún e porcino, xa que mellora a súa rendibilidade ao reducir os custos de transporte, así como a calidade da carne e do benestar animal, e dinamiza as zonas rurais do rural, ao dotalas dun servizo que as fará máis atractivas para traballar e para vivir.

Os gandeiros interesados en contar co servizo do matadoiro móbil dispoñen dun número de teléfono gratuíto, o 982 251 201, para poder solicitalo. As súas rutas organizaranse segundo as demandas das persoas gandeiras, procurando optimizar ao máximo os recursos. Neste sentido, concertarase con cada titular o día e a hora do sacrificio e o matadoiro móbil desprazarase ata a propia explotación, se é posible, ou ata o lugar próximo máis accesible, en función das características das vías de comunicación, para prestar servizo a través desta ferramenta.

Feira do Porco da Ceba

Por outra banda, a conselleira do Medio Rural visitou o recinto da Feira do Porco da Ceba, que este ano acada a súa 35ª edición, para visitar os expositores que participan nela con degustacións de producións típicas elaboradas con porco.

María José Gómez puxo en valor as elaboracións agroalimentarias de excelente calidade que se obteñen en Galicia e trasladou o apoio aos produtores locais que tamén estiveron presentes nesta feira, que contou cunha exposición gandeira de Porco Celta.

Ademais, a titular do departamento participou na entrega dos premios aos mellores exemplares de porco presentes na feira, poñendo de relevo o gran traballo que fan os gandeiros coa súa cría.

0.16025400161743