María José Gómez supervisa as obras en infraestruturas rurais de Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural informou dos traballos de rehabilitación de camiños en zonas de concentración parcelaria, así como do Plan Marco
maria-jose-gomez-francisco-balado-obras
11 sep 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, visitou os traballos de mellora de infraestruturas rurais deste concello lucense, para os que se destinaron preto de 270.000 euros a través das axudas para a rehabilitación de camiños de zonas de concentracións parcelarias e do Plan Marco. Cómpre salientar que no conxunto da comarca da Terra Chá, na que se atopa Castro de Rei, a Consellería do Medio Rural destina máis de 1,3 millóns de euros entre ambas as dúas convocatorias de achegas.

Nesta visita, María José Gómez puxo en valor as achegas destinadas para a mellora de camiños en concellos con zonas de concentracións parcelarias rematadas, convocadas por primeira vez neste ano. No caso concreto deste concello, sinalou, estas axudas supoñen un investimento de máis de 188.000 euros destinados ás tres parcelarias coas que conta.

A maiores, a conselleira explicou que destas axudas benefícianse un total de 38 concellos galegos, con actuacións en máis de 150 camiños ao longo de máis de 160 quilómetros. Para iso, cóntase cun investimento total de arredor de 5,1 millóns de euros.

O obxectivo destas actuacións, explicou, é o mantemento e acondicionamento das infraestruturas rurais, ao mesmo tempo que se mellora a capacidade portante dos camiños das redes de concentración ou reestruturación parcelaria que están rematadas, garantindo o tránsito de vehículos e maquinaria.

Plan Marco 24-25

A conselleira aproveitou esta visita para avanzar tamén os traballos realizados ao abeiro do Plan Marco na actual convocatoria 2024-2025, na que neste concello se destinan case 80.000 euros na mellora de camiños de titularidade municipal.

A actual convocatoria do Plan Marco supón un investimento de preto de 19,5 millóns de euros destinados para a mellora de camiños rurais e acceso a parcelas agrícolas nos 313 concellos de Galicia, unha cantidade un 16 % superior fronte á anterior. Ademais, durante o período 2016-2023 concedéronse 121 millóns de euros para o citado plan, o que permitiu actuar en case 5.500 camiños e preto de 4.300 quilómetros de vías rurais.

0.20229005813599