María José Gómez visita unha granxa en Cospeito para poñer en valor as axudas da Xunta

TerraChaXa
Quixo así trasladar tranquilidade e seguridade ao sector sobre a adecuada xestión destas subvencións
axudas-pac-cospeito-maria-jose-gomez
17 Nov 2024

A Xunta cumpre coa máxima responsabilidade e rigor as súas obrigas respecto da xestión das axudas da Política Agraria Común (PAC), como se puxo de manifesto recentemente ao aboar, cun mes de adianto, arredor de 45 millóns de euros en concepto de anticipo dos pagos directos referentes á solicitude única de 2024.

Así o puxo en valor a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á granxa de vacún de leite Grixeira, situada no concello lucense de Cospeito. Nesta liña, Gómez salientou que esta é a contía máis alta dos últimos catro anos e que ademais foi das poucas veces que se adiantou este pagamento ao mes de outubro.

A maiores, a conselleira sinalou que o resto de pagamentos directos da campaña 2024 terán que ser aboados obrigatoriamente a partir do día 1 de decembro, de maneira que o prazo final de pagamento sexa, como moi tarde, o 30 de xuño de 2025.

A titular de Medio Rural quixo así trasladar tranquilidade e seguridade ao sector sobre a adecuada xestión destas axudas, claves para mellorar a renda dos agricultores e gandeiros e a competitividade das explotacións, máis alá -advertiu- de mensaxes que inducen a confusión e que provocan preocupación no agro.

Datos de Granxa Grixeira

Da explotación visitada, María José Gómez destacou que se trata dun negocio familiar con máis de medio século de historia, xestionado agora pola terceira xeración dunha mesma familia. Ademais, subliñou a profesionalidade e alto nivel formativo dos seus titulares, que son -indicou- “vivo exemplo de que a formación na rama gandeira desemboca nunha vida laboral digna e rendible”.

Neste mesmo sentido, puxo de relevo que estes gandeiros incorporáronse ao agro a través das axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural, evidenciando a utilidade deste tipo de partidas orzamentarias para favorecer a remuda xeracional no sector. Granxa Grixeira conta actualmente cun censo de preto de 260 animais e produce case dous millóns de leite ao ano.

0.19244313240051