María Rivas presenta nas Pontes os 15 novos Puntos Violeta das oficinas do SEPE

TerraChaXa
Os Puntos Violeta son espazos seguros para as mulleres vítimas da violencia machista que responden ao compromiso firme e inequívoco do Goberno para erradicala en calquera das súas formas.
punto violeta  as pontes
18 Mar 2024

Os Puntos Violeta son espazos seguros para as mulleres vítimas da violencia machista que responden ao compromiso firme e inequívoco do Goberno para erradicala en calquera das súas formas.

A Subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou na oficina do Servizo Público de Emprego (SEPE) das Pontes os novos 15 Puntos Violeta cos que contarán todas as oficinas do organismo público na provincia e máis a Dirección Provincial. Trátase de lugares seguros para as mulleres vítimas de calquera tipo de agresión machista, onde poderán recibir información e acompañamento se así o precisan.

“Esta acción englóbase no obxectivo de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria e responde ao firme e inequívoco compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para erradicar a violencia machista en calquera das súas formas”, sinalou a subdelegada, que valorou o impacto positivo que este tipo de accións supón na axuda ás mulleres que sofren violencia de xénero.

María Rivas considerou os Puntos Violeta como un “instrumento imprescindible” na loita contra esta lacra, pero indicou que, por moito que se acompañe das políticas transversais que está a aplicar o Goberno de España, “será insuficiente sen a concienciación e implicación de toda a sociedade”. “Temos que defender cada día os dereitos dos que gozamos porque estamos a ver o retroceso que se produce onde a ultradereita goberna”, apuntou.

A subdelegada destacou que na actualidade 2.193 mulleres na provincia da Coruña están no sistema de protección e seguimento contra a violencia de xénero do Ministerio do Interior dun total de 4.774 casos abertos en Galicia. “Os Puntos Violeta son un espazo seguro no que calquera persoa pode recibir información cualificada para saber como actuar en caso de ser vítima ou ter información sobre algún posible caso de violencia contra a muller”, dixo Rivas.

Na provincia da Coruña, cada unha das 15 oficinas do SEPE ademais da dirección Provincial contará cun distintivo violeta e un código QR que vai ligado a unha guía, dispoñible en 10 idiomas, con información sobre como actuar ante un caso de violencia machista, que é, os tipos diferentes que existen, como detectala, e que proporciona recursos ás propias vítimas. O persoal das oficinas tamén recibirá formación para saber como actuar ante estes casos e poder axudar ás mulleres que o soliciten.

Na presentación destes puntos a subdelegada estivo acompañada pola xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Coruña, Manuela Vilaboy; por Estefanía Pita, directora provincial do SEPE na Coruña; Montserrat Arza, directora da oficina das Pontes; María Isabel Rubianes, subdirectora provincial de prestacións, e polas concelleiras das Pontes Ana María Pena (Emprego e Atención Cidadá) e Tania Pardo (Benestar Social e Igualdade).

O Punto Violeta forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno e supón un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela. Neste sentido, este instrumento pretende achegar os servizos integrais ás vítimas a través da súa contorna e facilitar información sobre como actuar ante un caso de violencia machista a establecementos, entidades, empresas, organismos públicos.

0.19492506980896