María Solar visitará o club de lectura Entre Liñas
O club de lectura Entre Liñas da Pastoriza segue coas xuntanzas vinculadas á lectura e nesta ocasión, María Solar visitará o club.
Será este sábado, 22 de outubro, ás 21.00 horas no Fogar de Maeloc, para recibir á escritora de Os nenos da varíola.
María Solar é escritora e xornalista. Autora de libros para públicos de todas as idades que se traduciron a varios idiomas, presenta tamén un programa cultural na televisión. Lembra no seu libro un suceso histórico que se puxo de moda estes días.
No hospicio da cidade da Coruña, en 1803, os nenos sobreviven a duras penas. Nin eles, nin a súa reitora Isabel Zendal poden imaxinar de que maneira cambiaralles a vida a chegada do Doutor Balmis e a súa expedición médica. Só o ilustrado doutor Antonio Posse Roybanes coñece a envergadura do propósito destes homes que pretenden levar a recentemente descuberta vacina das vexigas ata o Novo Mundo. Vinte e dous orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para levar a vacina aos territorios de ultramar na maior xesta médica realizada na historia da humanidade.
Esta actividade é aberta para todo o público que queira asistir e tamén está aberta a participación no club de lectura.