Mariña Patrimonio organiza o sábado 13 unha visita por Riotorto
Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado día 13 de maio unha visita polo patrimonio de Riotorto. Está previsto achegarse en xornada de mañá á mina romana da Muxueira, ás igrexas de San Pedro e Santa Marta e á casa Moirón. Tralo xantar, visitarase o obradoiro dun ferreiro e a parroquia de Órrea.
A data límite para apuntarse remata o martes 9 de maio. Cómpre apuntarse enviando un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, número de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar.
O itinerario do autobús vai ser, probablemente, desde Viveiro, pasando por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Riotorto, debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña. Porén, podería ser modificado en función da procedencia das persoas participantes. O prezo será de 25 euros por persoa para cubrir o bus e o xantar. As persoas non socias asumirán un custo adicional de 10 euros.
Unha vez teñan a lista de participantes, concretarán o antes posible o itinerario, paradas e horario do bus así como o número de conta no que será preciso ingresar o custo da actividade. Prégase realizar a comunicación de participación o antes posible para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen.
Para máis información e coñecer os detalles desta visita a Riotorto pódese consultar o blog de Mariña Patrimonio.