Marisol Díaz subliña na Pastoriza o apoio ao sector gandeiro ante a protección do lobo

TerraChaXa
Fai fincapé na necesidade de que o Goberno central revise o nivel de protección desta especie co fin de adaptalo á realidade actual en cada zona
marisol-diaz-lobo-visita-gandaria-a-pastoriza
5 sep 2024

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia para garantir o equilibrio e a convivencia entre a actividade gandeira e a protección do lobo fronte ao desleixo do Goberno central, que segue sen transferir ás comunidades autónomas os fondos para compensar e previr os danos que esta especie causa ao sector primario.

Nesa liña, Marisol Díaz subliñou que aínda non se produciu o traspaso de fondos correspondentes a 2024, cuxo reparto se acordou na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o pasado mes de xullo e polo que a Galicia lle corresponden 2,2 millóns de euros para medidas de prevención e 1,8 millóns de euros para danos.

Ademais, cómpre lembrar que en 2022 o reparto foi inxusto coa comunidade por non apoiar a estratexia nacional, polo que Galicia interpuxo un recurso contencioso-administrativo que aínda non se resolveu. E, a maiores, o ano pasado non se chegou a facer esta distribución dos fondos entre as comunidades por problemas internos do Executivo central. Polo tanto, Galicia aínda non ingresou os 12 millóns de euros que lle corresponderían do período 2022-2024, o que supón un importante prexuízo para o sector gandeiro afectado e para a propia Xunta.

Con todo, tal e como indicou a directora xeral, o Goberno galego continúa apoiando ao sector gandeiro coa convocatoria de axudas para paliar as consecuencias dos ataques do lobo -cun orzamento de preto de 613.000 euros para 2024- e para implementar medidas preventivas -máis de 1,9 millóns de euros este ano- como a compra de cans protectores, pastores eléctricos, cercados móbiles, instalación de valados fixos ou a contratación de coidadores para protexer o gando.

De feito, a Gandería Casabella Luaces, que hoxe visitou a directora xeral, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, recibiu desde 2021 máis de 12.300 euros en axudas tanto para compensar danos causados polo lobo como para a adopción de medidas de prevención -pastores eléctricos, cercados móbiles e valados fixos-.

A maiores, Marisol Díaz fixo fincapé na necesidade de que o Goberno central revise o nivel de protección do lobo co fin de adaptalo á realidade actual en cada zona. Galicia conta na actualidade con algo máis de 90 mandas de lobos que o ano pasado atacaron máis de 2.800 reses, cos correspondentes custos para os gandeiros.

Por iso, a Xunta considera que o estado do lobo non é desfavorable e agarda que o Executivo central rectifique a decisión de incluílo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) atendendo aos últimos datos dispoñibles para evitar que siga dificultando o equilibrio entre a especie e o sector gandeiro galego.

0.11229109764099