Marisol Morandeira inicia en Pígara a súa rolda de encontros coa veciñanza

TerraChaXa
Marisol Morandeira inicia en Pígara a súa rolda de encontros coa veciñanza para demostrar por que o PSOE é ‘O Mellor para Guitiriz’
presentacion candidatura psoe guitiriz
17 Maio 2023

A candidata destacou os investimentos que se fixeron en cuestións medioambientais como o desmantelamento do punto de acopio de plásticos ou a instalación de bases para contedores. O próximo encontro terá lugar en Buriz o xoves 18 de maio.

O Partido Socialista de Guitiriz comezou hoxe en Pígara a súa rolda de encontros coa veciñanza, un calendario de reunións que levará aos socialistas por todo o municipio para demostrar por que o PSOE é ‘O Mellor para Guitiriz’ .

No encontro, a alcaldesa e candidata socialista á alcaldía, Marisol Morandeira, destacou que “temos as mesmas ganas e ilusión de hai catro anos, ou máis” e salientou “o potencial que ten Guitiriz, que é moito”, amosando a súa confianza nas posibilidades do seu equipo “para aproveitalo”.

En canto ás actuacións que se levaron a cabo en Pígara nos últimos anos, destacou o investimento que se fixeron en diferentes cuestións medioambientais, como a instalación de bases para todos os contedores. “Ademais, desmantelamos o punto de acopio de plásticos, que estaba a xerar situacións graves de insalubridade, e agora recollémolos polas explotacións, achegando este servizo aos veciños e veciñas”, explicou Marisol Morandeira.

A candidata comprometeuse a seguir mellorando os servizos en Pígara “incidindo nos esenciais, como é o mantemento das vías para facilitar a mobilidade á veciñanza, para o que xa temos máis de 70.000 euros previstos para execución, ou a extensión da rede de saneamento, algo que é básico”.

Calendario

Os próximos encontros serán en:

  • Buriz (Escola do Buriz): xoves 18 de maio, 21 horas.
  • Trasparga, Roca e Santa Cruz (antiga Cruz Vermella): venres 19 de maio, 21 horas.
  • Vilares e San Salvador (Escola dos Vilares): luns 22 de maio, 21 horas.
  • Parga, Becín, Pedrafita, Santa Locadia e Sambreixo (Bar Comba, Parga): martes 23 de maio, 21 horas.
  • Labrada (Escola de Labrada): xoves 25 de maio, 21 horas.
0.077151775360107