Marisol Morandeira pide a Augas de Galicia financiamento para a modernización da ETAP
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, continúa a traballar para solucionar dunha vez por todas o recorrente problema da auga de Guitiriz. Agora, vén de reunirse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para implicar ao ente autonómico na financiación do proxecto de modernización da actual Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Guitiriz.
A rexedora acudiu ao encontro co proxecto na man, redactado xa polo Concello de Guitiriz e cuantificado en 384.938,75 euros. Con esta actuación, para a que o goberno local xa reservou crédito nos orzamentos deste ano, preténdese actualizar a ETAP para poñela ao día e adaptar o seu funcionamento ao tipo de auga de Guitiriz, que conta cun alto volume de ferro.
Teresa Gutiérrez concordou con Marisol Morandeira en que esta actuación é a mellor opción para solucionar os problemas da auga en Guitiriz e comprometeuse a trasladarlle a proposta á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para obter o seu visto bo.
Ademais, Gutiérrez tamén lle pediu que implique a outras administracións no cofinanzamento desta obra, o que xa se está a facer desde o Concello.
Marisol Morandeira saiu “satisfeita” da reunión e espera que “non se demoren moito en tomar unha decisión xa que as obras de modernización da ETAP deben comezar canto antes”. Ademais, comprometeuse a “conseguir o apoio económico doutras administracións o antes posible”.