Marisol Morandeira presenta o equipo co que optará á reelección

TerraChaXa
Marisol Morandeira anuncia a súa intención de “traballar por e para Guitiriz, porque o mellor para Guitiriz é o PSdeG-PSOE”
PRESENTACION CANDIDATURA MARISOL PSOE GUITIRIZ TODOS
23 Abr 2023

O Partido Socialista de Guitiriz presentou hoxe a súa candidatura para as eleccións municipais do 28 de maio. No acto, celebrado no restaurante A Casilla, a candidata á alcaldía, Marisol Morandeira, anunciou a súa intención de “traballar por e para Guitiriz, porque o mellor para Guitiriz é o PSdeG-PSOE”.

Na presentación, á que asistiron máis dun centenar de persoas, entre elas moitos compañeiros e compañeiras do PSdeG, a actual alcaldesa de Guitiriz indicou que “estamos coas mesmas ganas e ilusión de hai catro anos, ou máis” e destacou “o potencial que ten Guitiriz, que é moito”, amosando a súa confianza nas posibilidades do seu equipo “para aproveitalo”.

“Nestes anos traballamos a reo, sentamos as bases para que agora, no que vén, Guitiriz tome o impulso que necesita para medrar”, explicou, subliñando a política para as persoas como eixo da súa campaña xa que “como fixemos ata agora, a nosa política e a nosa forma de gobernar estará centrada no social, nas persoas, en facer melloras e investimentos para cambiar para ben o seu día a día”.

Morandeira tamén sinalou que “non se deixarán de lado outros eidos como o impulso ao sector primario, tan importante no noso municipio; o fomento do emprego, que terá un gran aliado na próxima e agardada reapertura do balneario; a aposta polo deporte e os nosos deportistas, que levan o nome de Guitiriz por Galicia, España e o mundo adiante; ou o pulo da nosa oferta cultural, que ano a ano está a medrar”.

OS CANDIDATOS

    1. María Sol Morandeira Morandeira
    2. Paula Campo Barral
    3. Iván Morado Corral
    4. Carlos Buján López
    5. María del Pilar Vázquez Ares
    6. Ramón Rivas Villares
    7. Sofía Sanchez Miragaya
    8. Rubén García Oseira
    9. Marco Antonio Castro Díaz.
    10. Tamara García Andón
    11. Ángel Varela Río
    12. María Pilar Piñeiro Redondo
    13. Javier Freire Caamaño

Catro anos de experiencia

A candidata lembrou o que significou para ela presentarse por primeira vez como candidata hai catro anos “chea de ilusión e de ideas pero tamén de medos e incertezas”. “Agora, catro anos despois, poido dicir que foi das mellores decisións que tomei na miña vida”, afirmou.

“Poder mellorar a vida da xente, facer máis fácil o seu día a día, coñecer os seus problemas e buscarlle solucións. En definitiva, poder ver de primeira man todo o potencial que ten o teu pobo, Guitiriz, e a súa xente para medrar, é unha experiencia impagable”, salientou.

Fixo referencia ademais a que “desde fóra moitas veces pensas que todo é sinxelo, que as cousas poden facerse simplemente con ter vontade, e, por desgraza, non sempre é así, hai proxectos e ideas que unha ten na cabeza e que, aínda que lle gustaría que fosen doutra forma, requiren os seus tempos”. “Desde dentro adquires a verdadeira dimensión do que é a función pública en xeral e a administración local en concreto, coas súas cousas positivas e tamén negativas”, explicou.

“O que non pode cambiar é a enerxía e a ilusión por sacar adiante as nosas ideas e os nosos proxectos. Por moi difíciles que sexan, por moitas trabas que nos poñan, e aínda que as administracións que teñen as competencias, como é o caso da Xunta de Galicia do Partido Popular, non miren por Guitiriz, nós seguiremos pelexando. Seguiremos apostando porque Guitiriz pode e debe medrar”, espuxo.

Unha lista de xente de Guitiriz para Guitiriz

Marisol Morandeira presentou a todas e todos os integrantes da súa lista, aos que “agradeceu o seu compromiso, non comigo, senón con Guitiriz, porque está formada por xente de Guitiriz que traballa por e para Guitiriz, que coñece as posibilidades e tamén as necesidades do noso pobo e que sabe do seu potencial”.

Nesta presentación Morandeira estivo acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ao que agradeceu “que acudise á nosa chamada” e “por estar, non só agora se non xa desde hai moitos anos, sempre atento aos intereses e necesidades dos veciños e veciñas de Guitiriz”. “É un pracer para min poder arrincar este camiño contando co teu apoio”.

Pola súa parte, Gómez Besteiro cualificou á candidatura do PSdeG PSOE de Guitiriz como “unha lista de xente nova, cunha ilusión renovada de que os próximos catro anos van a ser mellores que os pasados, da man da alcaldesa, que ten unha experiencia importante e iso tamén axuda”.

Besteiro lembrou que “cando hai algún problema o Partido Socialista non escapa, está a demostrarse nos últimos tempos” e destacou que “o noso único obxectivo é mellorar a vida dos veciños e veciñas, de Guitiriz, de Galicia e de España”. “A política é e debe ser alegría”, sentenciou”.

PRESENTACION CANDIDATURA MARISOL PSOE GUITIRIZ
0.14479112625122