Markytos fai o primeiro varado da tempada no Aberto das Freces de Bretoña

Por Daniel Rodríguez Saavedra
O campo da festa de Bretoña deparounos unha magnífica xornada billardeira onde nos xuntamos 67 palanadores (48 homes, 14 donas e 5 cativos) sabedores de que ao remate do VI Aberto das Freces, poderíamos catar o xa tradicional e rico manxar.
Non se pode cualificar como sorpresa, pois hai tanta calidade, que calquera nun bo día pode facerse co trunfo e así foi. Hoxe brillou con luz propia un dos máis noveles palanadores. Mario de Billarda Verde foi o mellor seguido do bravo Milio dos Bulls e de Cortón de Río Miño.
En donas, Vanesa de Castiñerio impúxose a Alba (Troitas Bavas) e Geni (Billardeiros Musicais), ámbalas dúas empatadas a puntos.
Cos infantís Mateu e Diego (Madia Leva) por diante, compartiu podio un dos palanadores máis cativos e futura gran estrela dos Troitas Bravas, Martín.
En equipos Billardeiros Musicais destacaron por riba de Billarda Río Miño e de Carabullo recortando en seis puntos a distancia cos líderes Troitas Bravas.
Cos grandes tiradores que temos na liga (Charli, Sachas, Albino, Santi, Markitos entre outros), era extraño que aínda non se abrira o apartado de varados e hoxe finalmente se fixo o primeiro. E tiña que caer do lado dalgún deles. O tricampión nacional Markytos foi quen se levou este honor.
Houbo agasallos para os tres primeiros e bola de liscos para o mellor equipo, rematando a xornada compartindo tanto a empanada canto as freces para tódolos presentes.
As clasificacións logo da sexta xornada quedan así:
Individual:
- Sachas (Troitas Bravas) 209 p
- Charli (Carabullo) 198 p.
- Félix (Billardeiros Musicais) 189 p.
Donas:
- Alba (Troitas Bravas) 140 p.
- Geni (Billardeiros Musicais) 105 p.
- Pamela (Troitas Bravas) 95 p.
Equipos:
- Troitas Bravas (A Pontenova) 777 p.
- Billardeiros Musicais (Ribadeo) 700 p.
- Carabullo (Po9nte Outeiro) 727 p.
Infantil:
- Mateu (Madia Leva) 164 p.
- Diego (Madia Leva) 115 p.
- Mateo (Troitas Bravas) 99 p.
Varados:
- Markytos (Billardeiros Musicais) 1 varado
A vindeira xornada en Begonte agárdanos o domingo 30 de marzo.