Marta Rouco abre unha liña directa coa veciñanza de Vilalba a través de WhatsApp

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de poñer en marcha unha nova canle de comunicación directa coa cidadanía co obxectivo de facilitar o contacto coa Alcaldía e dar resposta ás inquedanzas da veciñanza de forma áxil e próxima.
A través dun sistema sinxelo e accesible, calquera persoa poderá poñerse en contacto coa alcaldesa mediante WhatsApp. Para iso, só é necesario estar dado de alta na canle oficial da Alcaldía de Vilalba. O proceso é doado: cómpre gardar o número 648 199 486 na axenda do móbil e enviar unha mensaxe coa palabra "ALTA". A partir dese momento, xa se poderá escribir directamente á alcaldesa indicando o motivo da consulta xunto co nome e apelidos.
“As portas do meu despacho están abertas para os veciños, pero poño tamén á súa disposición o WhatsApp da Alcaldía para que poidan trasladarme as súas peticións, suxestións ou queixas”, sinalou Marta Rouco.
Esta iniciativa supón un paso máis na modernización da comunicación institucional e reforza o compromiso do goberno local cunha administración máis próxima, transparente e eficaz. A alcaldesa comprométese a responder ás mensaxes no menor tempo posible. Ademais, a través desta canle tamén se poderá recibir información actualizada sobre as novidades e servizos do concello.