Marta Rouco achegouse ata Viladónega para felicitar á centenaria Aurora Alvariño
Aurora Alvariño, veciña do barrio de Viladónega, na parroquia de Corvelle, cumpriu 103 anos o pasado 2 de agosto, o que a converte nunha das tres mulleres máis lonxevas do municipio vilalbés.
Aurora recibiu a visita da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, que se achegou persoalmente ata Viladónega para felicitar á centenaria na súa vivenda familiar. Ademais, Rouco aproveitou a ocasión para agasallar a Aurora cun ramo de flores e compartir con ela e a súa familia unha agradábel conversa.
Tal e como vén facendo dende comezos de anos, Marta Rouco continúa deste xeito coa súa iniciativa de felicitar a cada un dos centenarios e centenarias vilalbesas “para poñer en valor a súa idade pero, sobre todo, a importancia que teñen para nós os nosos maiores, a quen debemos coidar e agradecer por todo o que nos deixaron feito”.
Así mesmo, a alcaldesa salientou “a importante lista de centenarias que temos no noso Concello, da que forman parte máis de 20 persoas e á que progresivamente se irán sumando máis vilalbeses e vilalbesas que, por suposto, tamén deberan contar co seu correspondente homenaxe”.