O Concello de Vilalba adxudica o contrato do Servizo de Axuda no Fogar
“Despois de Lugo, somos o concello da provincia que presta máis horas de axuda no fogar, unha prioridade para o goberno local”, explica Marta Rouco.
O Concello de Vilalba adxudicou esta mañá en pleno o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cos votos a favor dos grupos do PSdeG, Vilalba Aberta e PP, e a abstención do BNG.
A adxudicación do SAF á empresa Protección Geriátrica 2005 é por dous anos cun orzamento base de 6.884.894,70 euros (20,18 euros por hora).
O servizo, que conta neste momento con 143 traballadores, atende a día de hoxe a 311 veciños e veciñas de Vilalba (14.700 horas mensuais).
“As políticas sociais e a atención a maiores e dependentes son prioridades para o goberno local, por iso esta adxudicación é tan importante para Vilalba”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.
“Despois de Lugo, somos o concello da provincia que presta máis horas no SAF”, engade Rouco, “xerando emprego e convertendo a axuda no fogar nun piar básico da nosa acción de goberno”.
Marta Rouco demanda “máis financiamento por parte do goberno galego, que non pode afogar aos concellos desta forma, de igual xeito que nos transfire o servizo debería transferirnos fondos suficientes”.
De feito, dos máis de 13 millóns de euros do orzamento municipal para 2024, o concello lembra que máis de nove se dedican á prestación de servizos, máis de tres a persoal e de libre disposición restan só 500.000 euros, que se dedican fundamentalmente á dinamización do tecido asociativo.