Marta Rouco denuncia a redución de persoal sanitario no centro de saúde

O centro de saúde do Concello de Vilalba atravesa nestes momentos “unha situación crítica en termos de número de persoal sanitario, con só 7 médicos que teñen que cubrir o cupo de pacientes dos 11 profesionais que debería haber”, afirmou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Nesa liña, a rexedora vilalbesa lembra que “o Concello xa trasladou en xaneiro á Xunta a situación que se prevía e a nosa preocupación pola falta de persoal sanitario, esixindo unha previsión axeitada para que non se comprometera a saúde dos nosos veciños e veciñas”.
Na actualidade hai 7 médicos de atención primaria, 3 menos debido a 2 xubilacións e 1 baixa. Ante esta situación, a Xunta de Galicia só cubriu unha das 3 baixas cun profesional de reforzo que atende as urxencias dos 3 cupos sen profesional de referencia.
Pola súa banda, “segundo nos trasladaron os veciños e veciñas tamén hai unha redución de persoal no servizo de enfermería, no cal non se están cubrindo as vacacións dos profesionais; obrigando aos enfermeiros e enfermeiras que se manteñen no seu posto a asumir ese cupo sen cubrir”, advertiu a rexedora vilalbesa.
No servizo de fisioterapia o centro de saúde de Vilalba tamén se atopa sen profesionais, “o que obriga a suspender as citas dos pacientes que precisan deste servizo e que nalgúns casos se atopan nun proceso de rehabilitación cuxa demora repercute directamente no seu estado de saúde”, salientou a alcaldesa de Vilalba.
Ademais, Rouco lembra que “tal e como xa advertimos a comezos de ano, hai que ter en conta que no verán os profesionais acostuman ter que atender a máis pacientes derivados doutros centros de saúde; sen esquecerse das ausencias de profesionais de vacacións, baixas puntuais ou permisos ós que os médicos teñen dereito como todos os traballadores”.
En consecuencia, “a situación pode incluso empeorar e non podemos permitilo, é urxente que a Xunta dea solucións inminentes para o noso centro de saúde e cubra como corresponde os cupos de profesionais que se xubilaron ou están de baixa”, sinalou Marta Rouco.
“Estamos a falar dun dereito fundamental, da saúde das persoas. A atención sanitaria debe estar garantida con medios e persoal suficiente. Xogar con iso é profundamente irresponsable. A falta de persoal no centro de saúde pode ter consecuencias moi grave”, concluíu Rouco.