Marta Rouco denuncia o abandono da Xunta na glorieta de acceso ao polígono

TerraChaXa
Lamenta que a rotonda, de titularidade autonómica, leve meses sen iluminación completa pese ás reiteradas reclamacións do Concello
rotonda-poligono-vilalba
24 Jan 2026

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, denunciou unha nova mostra do “desprezo e abandono” da Xunta de Galicia cara ao municipio, neste caso en relación coa glorieta de acceso ao polígono industrial de Vilalba, unha infraestrutura clave tanto para a actividade económica como para a entrada ao casco urbano e da que é titular o goberno autonómico.

Segundo explicou a rexedora, a glorieta leva meses cunha iluminación claramente deficiente, con varios farois fundidas, o que supón un problema de seguridade viaria nun dos principais accesos á vila. “Desde o Concello enviamos múltiples escritos á Xunta de Galicia reclamando que se restableza a iluminación da rotonda, sen obter unha resposta eficaz”, indicou Rouco.

A alcaldesa lembrou que, nos meses de outubro e novembro, recibiu unha chamada desde a Consellería competente na que se lle trasladaba que se ía proceder á reparación das luminarias. “A realidade é que, dos 10 farois existentes, só se arranxaron 3. O resto seguen sen funcionar”, explicou.

Segundo a información trasladada ao Concello, a empresa encargada dos traballos remitiu un orzamento á Xunta para poder acometer a reparación completa, xa que é necesario volver cabrear varias luminarias, “pero a resposta da Xunta foi, literalmente, deixala como está”.

“Estamos a falar dunha rotonda de acceso ao polígono industrial e ao casco urbano, un punto estratéxico que debería estar perfectamente iluminado, tanto por seguridade como pola imaxe que proxecta Vilalba”, subliñou Marta Rouco.

A esta situación súmase, ademais, outra demanda trasladada pola alcaldesa hai máis dun ano á Xunta de Galicia: a adecuación estética da glorieta coa colocación dalgún elemento ornamentario que permita ofrecer unha imaxe máis coidada e amable nunha das principais portas de entrada á vila.

Para a rexedora vilalbesa, este episodio “é un exemplo máis da forma de actuar da Xunta de Galicia con Vilalba”, que se suma a outros agravios xa denunciados publicamente, como a situación de abandono da estación de autobuses ou o incumprimento do convenio para a mellora da estrada de acceso a Vilalba desde Lugo e das beirarrúas desta contorna.

“Falamos de infraestruturas da súa titularidade, de competencias claras da Xunta, e dunha deixadez constante que transmite unha mensaxe moi clara: Vilalba non é unha prioridade para o goberno galego”, afirmou Rouco. “Desde o Concello seguiremos reclamando o que nos corresponde e defendendo os intereses da nosa veciñanza, aínda que iso supoña ter que denunciar unha e outra vez esta falta de compromiso”, concluíu a alcaldesa.

⚙ Configurar cookies
0.08089017868042