Marta Rouco, elixida nova secretaria xeral dos socialistas de Vilalba

TerraChaXa
Sergio López Ramudo é o novo secretario de Organización e Paula Vigo a secretaria de Política Municipal
marca-rouco-psoe-vilalba
2 Jul 2025

A Agrupación Socialista de Vilalba elixiu en asamblea a Marta Rouco Seoane como nova secretaria xeral local, liderando un equipo no que Sergio López Ramudo será secretario de Organización e Paula Vigo Lamas secretaria de Política Municipal e Acción Electoral.

“Traballaremos con moita ilusión para manter e reforzar o proxecto socialista que está cambiando Vilalba desde o concello, co obxectivo das próximas eleccións municipais”, afirma Marta Rouco, que agradece “os moitos anos de esforzo e dedicación de Eduardo Vidal como secretario xeral da agrupación local do PSOE, cun traballo que nos levou a acadar a alcaldía”.

Na nova executiva elixida tamén figuran Daniel Ares Pico, secretario de Participación Cidadá, Veciñanza e Medio Rural; Vanesa Siso Calvo, secretaria de Igualdade e Cultura; Jesús Río Iglesias, secretario de Xuventude e Dinamización Xuvenil; Sonia Verdes Gil, secretaria de Medio Ambiente, Transición Ecolóxica e Rural; Miguel Novo Veleiro, secretario de Deportes e Políticas Sociais; Jesús Miguel Ares Fraga, secretario de Novas Tecnoloxías e Atención á Militancia, e Juan José Pumares Gómez, secretario de Comercio, Hostalería e Desenvolvemento Local.

"Temos unha executiva con perfiles moi diversos, tanto do casco urbano como das parroquias, e de diferentes idades e sectores, coa idea posta en estar ao carón dos veciños e veciñas e mellorando Vilalba cada día“, engade Marta Rouco.

⚙ Configurar cookies
1.8361070156097