Marta Rouco fai balance do seu primeiro ano de alcaldesa de Vilalba
Marta Rouco cumpre un ano como alcaldesa de Vilalba, “doce meses que pasaron moi rápido, pero penso o mesmo que o primeiro día, é un orgullo e unha responsabilidade ser a alcaldesa dos meus veciños e veciñas”.
“Desde o primeiro día, o meu obxectivo foi mellorar os servizos que o concello presta aos veciños, dando resposta ás necesidades da xente cunha xestión eficiente dos recursos”, explica.
“Quero tamén que os veciños e veciñas perciban que hai unha alcaldesa que recibe a todo o mundo e reúnese con todas as asociacións e entidades que o piden, escoitando as súas demandas e atopando solucións na medida do posible”, engade.
En palabras de Marta Rouco, “creo que é ademais importante que a xente vexa que nos implicamos nas actividades do tecido asociativo, deportivo e cultural, apoiando e asistindo a estas actividades”.
“En resumo, empatía, proximidade e traballo na nosa acción de goberno; e a partir destes obxectivos prioritarios, desenvolvemos e executamos todas as nosas accións de goberno”, sostén a alcaldesa.
Marta Rouco incide en que “todos os proxectos e iniciativas que levan tamén un gasto municipal, unha partida orzamentaria, dan resposta a estes obxectivos do goberno e da alcaldesa”.
Balance
Como exemplo do traballo realizado neste ano, executáronse numerosas mellora de infraestruturas públicas (instalacións deportivas e educativas, parques infantís, novas piscinas municipais), rexeneráronse todas as vías da contorna da praza da constitución e no rural realizáronse máis de 10 quilómetros de pistas grazas ao acordo alcanzado coa Deputación de Lugo.
Dentro dos servizos públicos, o novo contrato do lixo suporá grandes melloras no casco e as parroquias, continuas actuacións nas redes de alumeado, saneamento ou abastecemento.
As políticas sociais e de conciliación son un piar do goberno local: Axuda no Fogar, Escola infantil municipal, comedor da escola infantil, servizo de Madrugadores, CIM, xestión do novo PAI, ou atención temperá.
Xunta
Marta Rouco lamenta que “non hai en Galicia unha capital de comarca máis esquecida pola Xunta que Vilalba”.
“Desde o ano 2019, Vilalba non recibiu ningún investimento real dos orzamentos da Xunta, máis alá dos cartos aos que temos dereito e reciben os 313 concellos de Galicia”; explica.
"Os concellos temos un problema grave de financiamento e a Xunta fai un reparto partidista dos fondos, non hai criterios obxectivos de reparto; o Xunta debe incrementar de forma urxente o financiamento destinado aos concellos a través do Fondo de Cooperación Local con criterios obxectivos de reparto", remata Rouco.