Marta Rouco fai un chamamento a traballar os 365 días do ano por unha igualdade real

TerraChaXa
“A desigualdade segue a ser un feito nos fogares e no mundo laboral”, afirma a alcaldesa na inauguración da exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia.
vilalba 8marzo igualdade
8 Mar 2024

“A desigualdade segue a ser un feito nos fogares e no mundo laboral”, afirma a alcaldesa na inauguración da exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia. Edición 2023/2024’ no IES Santiago Bastanta Silva.

O Concello de Vilalba uniuse hoxe á conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller. A alcaldesa, Marta Rouco, lembrou que “aínda queda moito por avanzar” e fixo un chamamento “a traballar os 365 días do ano para acadar un modelo de sociedade cunha igualdade real entre mulleres e homes”.

Rouco participou, xunto á concelleira de Educación de Vilalba, Paula Vigo, na inauguración da exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia. Edición 2023/2024’ no IES Santiago Bastanta Silva, grazas á colaboración da Facultade de Profesorado de Lugo.

O acto comezou cunha versión da canción ‘Mulleres Piratas’ de Catuxa Salom, interpretada polo coro de profesoras do IES Basanta Silva.

Presentou a exposición Laura Carballeira, vilalbesa e ex alumna do Basanta Silva que actualmente estuda na Facultade de Profesorado de Lugo e que participou na elaboración da mostra, xunto aos seus compañeiros e compañeiras da materia Teoría e Historia da Educación.

Na súa intervención, a alcaldesa lembrou que “aínda temos moita desigualdade salarial e de condicións laborais, e nos fogares as mulleres asumimos maioritariamente os coidados”. “Na política, tampouco temos unha igualdade real, xa que nos 313 concellos galegos só hai 71 alcaldesas mulleres”, engadiu.

Rematou o acto coa intervención de María Trillo, directora do IES Basanta Silva, quen recalcou “a importancia da educación na construción dunha sociedade máis xusta e comprometida coa igualdade de xenero”.

A exposición está composta por 36 paneis en galego dedicados a medio cento de educadoras referentes. Estará no Basanta Silva ata o día 21 de marzo.

0.20495700836182