Marta Rouco foi investida alcaldesa de Vilalba

TerraChaXa
marta rouco alcaldesa vilalba toma de posesion 1
11 Oct 2023

O pleno do Concello de Vilalba elixiu esta tarde a Marta Rouco como nova alcaldesa, cos votos a favor do grupo socialista, Vilalba Aberta e o BNG.

Na mesma sesión, tomou tamén posesión do seu cargo o novo concelleiro, Ignacio Criado, coa acta que deixou libre Elba Veleiro.

Marta Rouco comezou a súa intervención “como non podía ser doutra maneira, dando as grazas a Elba Veleiro. Grazas por estes anos de traballo, exemplo e amizade”.

“Como muller, continuarei o camiño iniciado por Elba, reivindicando a importancia de normalizar a nosa presenza en postos de responsabilidade. Aínda queda moito por facer neste ámbito. Lémbrome con frecuencia das dificultades para derrubar os teitos de cristal dos que falaba Carmen Chacón, pero tamén da importancia de que unha de nós alcance eses teitos para facilitar o camiño ás seguintes xeracións”, engadiu.

En palabras de Marta Rouco, “asumo a alcaldía de Vilalba con orgullo. É unha honra ser a alcaldesa deste concello, pero tamén unha gran responsabilidade que desempeñarei con toda a dedicación que merece o cargo”.

“Considérome unha persoa con clara vocación municipalista, por ser a política local, a que desenvolvemos desde os concellos, a que está máis preto dos nosos veciños e veciñas. Pero a situación actual non é nada sinxela e quero unirme ás diferentes voces que desde o municipalismo veñen reivindicando unha reforma urxente das competencias e do financiamento dos concellos”, manifestou.

“Hoxe comeza a escribirse un novo capítulo dun proxecto que, como todos sabedes, puxemos en marcha no ano 2019, convencidos de que hai outra forma de gobernar e de facer política. Un novo capítulo que estará asentado sobre a base do diálogo, a transparencia e a participación cidadá como selos de identidade”, afirmou a nova alcaldesa.

Marta Rouco asegurou que “dende este momento son xa a alcaldesa de todos e todas, estamos aquí para mellorar a vida dos vilalbeses e vilalbesas, para defender os vosos intereses, con independencia da vosa ideoloxía e do voto de cada un”.

“Continuaremos avanzando no modelo urbanístico no que cremos, coa humanización do noso casco urbano, facéndoo máis accesible e con maior protagonismo para as persoas; traballaremos para manter o coidado dos nosos espazos públicos; as parroquias serán protagonistas na acción de goberno, así como os servizos públicos e o mantemento duns servizos sociais de calidade”, aseverou.

Rouco lembrou que “nas eleccións municipais de maio os vilalbeses e vilalbesas mandaron unha mensaxe clara de pluralidade, de responsabilidade e de acordo, ao volver a apostar por un maioría plural e de progreso. Esas son as bases sobre as que se asenta este goberno, que hoxe da unha mostra de fortaleza e estabilidade. Quero expresar neste punto o meu agradecemento a Vilalba Aberta e o BNG por apoiar a miña investidura”.

A nova alcaldesa tivo unhas palabras para a súa familia, presente no pleno, e quixo rematar “decíndovos que serei unha alcaldesa valente, tede presente sempre que cada decisión que tome o farei dende a convicción de que é a mellor para os meus veciños e veciñas. E seguramente cometa errores, por suposto, e deles aprenderei para non repetilos, podedes estar seguros”.

0.1786470413208