Marta Rouco insiste á Xunta na reforma da estación de autobuses para reforzar o transporte
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, considera que a decisión da Xunta de Galicia “de reforzar o transporte público e as rutas por autobús que chegan ao noso concello é un acerto, pero tamén a constatación de que necesitamos unha estación en boas condicións”.
O Consello da Xunta aprobou onte a contratación da concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada XG635 -A Coruña-Lugo-A Mariña- cun orzamento de 4,7 millóns de euros.
Este servizo de explotación, cuxa vixencia se prevé estender ata 2030, inclúe ao Concello de Vilalba e impulsará as súas conexións de viaxeiros por estrada.
“É unha boa noticia, que demostra que hai demanda e que é urxente que a nosa estación se acondicione, os nosos veciños e veciñas non merecen unha estación de autobuses pechada e nas condicións nas que está actualmente”, engade Rouco.
A alcaldesa de Vilalba, pídelle de novo á directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, que inclúa “unha solución para a nosa estación de autobuses na súa axenda de prioridades a curto prazo”.
“Tivemos un encontro hai xa sete meses, en novembro, no que a Xunta plantexou unha alternativa inviable e o tema está paralizado desde entón, pese a que xa pedimos en reiteradas ocasións unha reunión para desbloquear este tema”, afirma.
A alcaldesa pide unha renovación integral da estación e, mentres tanto, “os usuarios necesitan contar cuns servizos mínimos, como un lugar onde esperar en condicións e non agardar á intemperie, e tamén uns baños que poidan utilizar”.