Marta Rouco insiste á Xunta nunha solución inmediata para a estación de autobuses

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, volve insistir na necesidade urxente de que a Xunta de Galicia dea unha solución á situación da estación de autobuses do municipio, unha infraestrutura que leva anos nun estado de deterioro evidente, sen servizos básicos e cun mantemento claramente insuficiente.
A rexedora vilalbesa lembra que desde hai máis de dous anos vén reclamando á administración autonómica unha actuación que permita acondicionar a estación e garantir unhas condicións dignas para as persoas usuarias do transporte público. “Falamos dunha infraestrutura que presenta un mantemento deficiente, acumulacións recorrentes de lixo e vexetación e sen ningún tipo de atención continuada”, denuncia Rouco.
A situación agrávase, segundo sinala a alcaldesa, pola ausencia total de servizos básicos. “A estación non conta cun espazo axeitado para que os pasaxeiros poidan agardar resgardados da choiva ou do frío, non hai acceso a baños públicos e tampouco existe ningún sistema de información sobre horarios e rutas”, explica. “Isto xera unha sensación absoluta de abandono e transmite unha imaxe moi negativa dunha infraestrutura que é unha das portas de entrada ao noso concello”.
En xullo de 2025, desde a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia trasladouse ao Concello a intención de executar unha nova parada de autobuses e avanzar na utilización da estación actual para outros usos.
Porén, medio ano despois, “non existe ningunha comunicación oficial nin avances concretos sobre esa suposta solución”, lamenta Rouco. “Unha vez máis, as promesas quedan en palabras mentres a estación segue exactamente igual”.
A alcaldesa lembra que Vilalba é a capital da comarca da Terra Chá e conta cunha localización estratéxica nas comunicacións por estrada con outros municipios, polo que “precisa e merece unha estación de autobuses en condicións, acorde ao seu papel comarcal e ás necesidades reais da poboación”.
“Nós estamos a facer o que está na nosa man, incluso asumindo actuacións de limpeza que non nos corresponden, pero esta infraestrutura é competencia da Xunta de Galicia e é a administración autonómica quen debe dar unha resposta”, subliña a rexedora. “Non estamos a pedir nada extraordinario, só que se garantan uns servizos mínimos e unhas condicións dignas para os usuarios e usuarias do transporte público”.
Marta Rouco conclúe reclamando “un compromiso real e inmediato” por parte do Goberno galego. “Vilalba non pode seguir esperando. Cada día que pasa sen solución é un día máis de abandono e de falta de respecto á nosa veciñanza”, afirma.