Marta Rouco insiste á Xunta sobre unha resposta inmediata ante a situación da estación de autobuses

O Concello de Vilalba denuncia, unha vez máis, o que considera un patrón sistemático de desinterese por parte da Xunta de Galicia cara a un municipio e uns veciños que levan anos agardando respostas que non chegan.
A alcaldesa, Marta Rouco, lembra que hai xa un mes solicitou unha reunión urxente coa directora xeral de Mobilidade para abordar solucións inmediatas, unha petición que non foi atendida nin obtivo resposta algunha.
Rouco explicou que “o silencio da Xunta é inaceptable ante unha situación que afecta directamente á mobilidade e ao servizo público que reciben centos de veciños e veciñas cada semana”. A rexedora subliñou que a falta de comunicación institucional “non é un simple atraso administrativo, senón unha mostra máis do escaso interese da Xunta por resolver un problema que leva máis de dous anos enquistado”.
Segundo lembrou a alcaldesa, a estación de autobuses continúa “sen baños operativos, sen un espazo digno de espera, sen información actualizada para os usuarios e cun deterioro evidente na súa contorna e nas propias instalacións”.
Marta Rouco destacou que “Vilalba non pide privilexios, pide o mesmo trato que reciben outros municipios galegos. Non hai ningunha xustificación para que a capital da Terra Chá, un punto estratéxico de conexións por estrada como é Vilalba, teña unha estación nestas condicións”.
Desde o Concello consideran necesaria unha actuación urxente que inclúa, cando menos, a recuperación dos servizos básicos e unha planificación clara sobre o futuro da estación. Así mesmo, reiteran o seu chamamento á Xunta de Galicia para que responda con urxencia e abra unha vía de diálogo real que permita avanzar cara a solucións efectivas para esta infraestrutura.