Marta Rouco lembra á Xunta que a estación de autobuses leva dous anos "abandonada"

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, lembra que a estación de autobuses “leva dous anos nunha situación de completo abandono por parte da Xunta de Galicia, que é a propietaria das instalacións”.
“A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, convocoume a unha última reunión sobre este tema en xullo e alí comentouse que a proposta por parte da Xunta sería inminente, pero desde aquela non houbo novidades”, afirma Rouco.
“O mesmo que se nos dixo nunha visita á estación hai case un ano e anteriormente, pero o tempo pasa e a solución non chega”, lamenta.
A alcaldesa de Vilalba considera ademais que a situación da estación “contradí as últimas declaracións da propia directora xeral de Mobilidade, que critica o novo modelo concesional de autobuses estatais porque segundo a Xunta pode illar zonas rurais en Galicia”.
“Vilalba e á capital da Terra Chá e se queremos que a poboación utilice o transporte público, este servizo e as instalacións deben estar en boas condicións”, engade Rouco, que lembra que “desde o concello tivemos que tomar a decisión de limpar a estación na pasada primavera polo seu pésimo estado”.
“A estación de autobuses leva dous anos sen ningún tipo de mantemento por parte da Xunta, é unha falta de respecto para os nosos veciños e veciñas, polo que demando ao goberno galego unha solución xa, non podemos esperar máis”, remata Marta Rouco.