Marta Rouco, nomeada presidenta do grupo telemático de Política Social do Eixo Atlántico

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, foi nomeada hoxe presidenta do Grupo Temático de Política Social do Eixo Atlántico, un órgano que reúne a representantes municipais de Galicia e do Norte de Portugal para avanzar en políticas de cohesión social na eurorrexión.
Marta Rouco, que ademais de alcaldesa exerce como concelleira de Servizos Sociais desde o ano 2019, destacou a importancia deste nomeamento como unha oportunidade para seguir reforzando o papel dos concellos na resposta aos retos sociais actuais. “As políticas sociais son unha prioridade absoluta para este goberno, porque falamos de atender ás persoas, de dar resposta ás súas necesidades e de garantir que ninguén quede atrás”, sinalou.
O Grupo Temático de Política Social do Eixo Atlántico centra o seu traballo en ámbitos clave como a cohesión social, a vivenda, a inmigración ou a loita contra a pobreza, co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis xusto e equilibrado entre os territorios que integran esta eurorrexión.
Neste sentido, a alcaldesa puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións locais. “Os concellos somos a administración máis próxima á cidadanía e, por tanto, temos un papel fundamental na detección das necesidades sociais e na posta en marcha de solucións reais. Espazos como este permítennos compartir experiencias, coordinar actuacións e avanzar de maneira conxunta”, indicou.
Durante a última reunión, celebrada de maneira virtual, aprobáronse as principais liñas de traballo para os próximos anos, reforzando a colaboración entre os municipios galegos e portugueses en materia social.
Entre os proxectos previstos para 2026 destacan a elaboración de tres informes estratéxicos: un informe sobre a loita contra a pobreza, outro centrado na inmigración e un terceiro sobre a problemática da vivenda.
“Estes documentos van ser fundamentais para contar cunha folla de ruta compartida que nos permita abordar os grandes retos sociais desde unha perspectiva coordinada e eficaz”, explicou Rouco.
A alcaldesa subliñou tamén que este nomeamento é coherente coa liña de traballo desenvolvida polo goberno municipal de Vilalba nos últimos anos. “Desde o Concello levamos tempo apostando por uns servizos sociais de calidade, cunha atención integral ás persoas e cun compromiso claro co benestar da veciñanza. Este recoñecemento tamén pon en valor ese traballo”, afirmou.
Rouco afronta esta nova responsabilidade co obxectivo de contribuír a fortalecer as políticas sociais no conxunto do Eixo Atlántico, impulsando iniciativas que permitan reducir as desigualdades e mellorar a calidade de vida da cidadanía.