Marta Rouco non supera a cuestión de confianza e ábrese a porta a unha posible moción de censura en Vilalba

TerraChaXa
O resultado estivo novamente condicionado polo voto en contra do concelleiro do BNG, Constantino Alvite, que se aliñou coa postura do Partido Popular
marta-rouco-alcaldesa-vilalba
9 Apr 2026

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, non conseguiu superar a cuestión de confianza á que se someteu este xoves, despois de que os orzamentos municipais non saísen adiante na votación celebrada no pleno de marzo.

O resultado estivo novamente condicionado polo voto en contra do concelleiro do BNG, Constantino Alvite, que se aliñou coa postura do Partido Popular, impedindo así que o goberno local —formado pola coalición entre o PSOE e Vilalba Aberta— superase esta votación clave.

A partir de agora, ábrese un prazo dun mes, ata o 9 de maio, no que a oposición podería presentar unha moción de censura. No caso de non producirse este movemento, os orzamentos quedarían aprobados automaticamente. Con todo, o edil nacionalista xa avanzara previamente que non apoiará un cambio de goberno.

As contas presentadas polo executivo local ascenden a 14,2 millóns de euros. Dende o Partido Popular critican que reflicten unha “falta de xestión e planificación”, mentres que o BNG considera que non se tiveron en conta as súas achegas e que os acordos que facilitaron un goberno de esquerdas “non se cumpriron”.

No debate plenario repetíronse os posicionamentos xa expostos anteriormente, mantendo todos os grupos o sentido do seu voto. Dende o goberno local instouse ao representante nacionalista a optar pola abstención como vía para non demorar a aprobación das contas, proposta que finalmente non prosperou. Así, os oito concelleiros do PP e o do BNG votaron en contra, fronte aos oito edís do bipartito.

Entre os puntos que centraron a confrontación política destacan a recuperación do Museo da Prehistoria local e a peonalización da praza de Santa María, cuestións que a oposición puxo sobre a mesa como elementos clave do desacordo.

Pola súa banda, o goberno municipal apelou á “responsabilidade” dos grupos para garantir o avance da xestión diaria, advertindo de posibles consecuencias como a perda de subvencións ou atrasos nos pagos a provedores e asociacións. Ademais, acusaron ao PP de difundir información “enganosa” entre a veciñanza con datos que cualifican de falsos.

Na mesma sesión plenaria si saíu adiante, sen debate, a adxudicación a Iberdrola do contrato de subministración eléctrica para instalacións municipais, cun apoio conxunto das formacións de esquerda e a abstención do PP.

0.11688709259033