Marta Rouco pide unha reunión urxente coa Xunta para esixir solucións inmediatas á estación de autobús

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de solicitar formalmente unha reunión urxente coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia co obxectivo de abordar, dunha vez por todas, a situación da estación de autobuses de Vilalba e reclamar solucións reais ante o estado de deterioro que presenta a infraestrutura.
A rexedora vilalbesa dá este paso logo de máis de dous anos de reiteradas reclamacións ao goberno autonómico e ante a ausencia de avances concretos tras os anuncios realizados pola propia Xunta. En xullo de 2025, desde a Dirección Xeral de Mobilidade trasladouse publicamente a intención de executar unha nova parada de autobuses e de estudar outros usos para a estación actual, mais medio ano despois “non existe ningunha información oficial, ningún calendario nin ningunha actuación visible”, lamenta Rouco.
“A estación de autobuses de Vilalba continúa nas mesmas condicións: sen mantemento, sen baños, sen un espazo axeitado para que as persoas poidan agardar e sen ningún tipo de información sobre horarios ou rutas”, denunciou a alcaldesa. “Esta situación xera unha sensación absoluta de abandono e é indigna dun concello como Vilalba, capital da comarca da Terra Chá e un nó estratéxico de comunicacións por estrada”, engadiu.
Marta Rouco insiste en que a solicitude desta reunión urxente responde á necesidade de obter “respostas claras e solucións reais” por parte da Xunta de Galicia. “Non podemos seguir instalados na indefinición permanente. Levamos anos escoitando que se está a estudar unha solución mentres a estación segue degradándose e os usuarios e usuarias continúan sen servizos básicos”, afirmou.
A alcaldesa lembrou que desde o Concello sempre se defendeu unha solución viable e inmediata, centrada na recuperación dos servizos mínimos da estación: “Manter as dársenas operativas, habilitar un espazo cuberto para a espera, garantir o acceso a baños públicos, instalar paneis informativos cos horarios e acondicionar a contorna. Iso é falar de mellorar o transporte público, non de pechar unha infraestrutura”.
“Nin Vilalba nin a súa veciñanza poden aceptar que a solución pase polo peche definitivo da estación e pola conversión da capital da comarca nunha simple parada”, subliñou Rouco, quen cualificou de “inaceptable” que unha das principais portas de entrada ao municipio “leve anos sen ningún tipo de investimento nin coidado”.
Finalmente, a alcaldesa asegurou que “esta reunión é necesaria e urxente” e reiterou que desde o Concello “imos seguir insistindo, reclamando e defendendo os intereses da veciñanza ata que a Xunta dea unha resposta acorde coa importancia de Vilalba”.