Marta Rouco será investida alcaldesa de Vilalba o próximo mércores
"O que eu podo prometer é que traballarei moi duro cada día para mellorar a vida dos vilalbeses e vilalbesas", afirma a futura rexedora.
O Concello de Vilalba reuniarase o próximo mércores, ás 19.00 horas para escoller á nova alcaldesa da localidade, trala dimisión de Elba Veleiro para incorporarse á centro de saúde onde exercerá como médico, tal e como viño facendo ata a súa investidura en 2019.
Non están previstas sorpresas na sesión, na que Marta Rouco, número 2 do PSOE, ocupará o cargo mentres que entrará como concelleiro Ignacio Criado. Rouco contará co apoio de Vilalba Aberta, que mantén a validez do pacto, e co BNG, que adiantou a súa asemblea e acordou apoiar o cambio.
Falamos con Marta Rouco, que nos adiante algúns dos seus plans.
Imaxino que será unha transición tranquila.
Si, por suposto. Elba Veleiro comunicounos a súa decisión persoal de deixar a Alcaldía, unha decisión que temos que respectar aínda que nos provocou tristura, e eu era a número dous da candidatura socialista nas pasadas eleccións municipais de maio. Correspóndeme asumir a Alcaldía, un cargo que desempeñarei con orgullo e con toda a responsabilidade que supón.
Con que obxectivos chega á Alcaldía?
No ano 2019 puxemos en marcha un proxecto de vila e o obxectivo é continualo, aínda queda moito por facer. Queremos unha Vilalba máis cómoda para as persoas, recuperando para elas os espazos públicos, cuns servizos públicos de calidade para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. As políticas sociais e para as familias seguirán sendo piares da nosa acción de goberno, ao igual que coidar ás parroquias ou ter unha boa programación cultural e deportiva.
Supoño que o cambio de alcaldesa non supón ningún cambio co pacto edificado cos outros partidos de esquerdas.
Non, non suporá ningún cambio. O pacto de goberno recolle que a Alcaldía correspóndelle ao PSOE e o pacto continuará igual, xa que está funcionando ben.
Tamén supoño que é importante volver recuperar a confianza dos votantes socialistas?
Un resultado electoral sempre abre un periodo de reflexión interno dentro dos partidos, nós desde logo o estamos facendo na agrupación socialista de Vilalba. Agora o que toca é poñer en marcha políticas progresistas desde o concello, fomentando a igualdade de oportunidades, e estou convencida de que o partido chegará forte e unido ás próximas citas electorais, recuperando a confianza de militantes e simpatizantes.
O cambio de alcaldesa suporá algún cambio máis na distribución de tarefas no goberno local?
Permítame que vaiamos paso a paso. Aínda non se celebrou o pleno de investidura, entrará un novo concelleiro pola marcha de Elba Veleiro e posteriormente haberá tempo para falar da distribución de tarefas, pero xa lle adianto que non haberá grandes revolucións nese aspecto. O proxecto continúa e Ignacio Criado o coñece ben.
Cales son os proxectos máis inmediatos?
Como xa lle comentei anteriormente, o proxecto de vila que queremos está claro. O que eu podo prometer é que traballarei moi duro cada día para mellorar a vida dos vilalbeses e vilalbesas, xa haberá tempo para falar de proxectos máis en concreto.
Que necesidades máis urxentes ten Vilalba agora mesmo? Cal é o sector que máis desenvolvemento ou atención precisa?
Prefiro falar de persoas antes que de sectores. Son moi consciente de que a situación non é nada sinxela para moitos veciños e veciñas e os concellos somos a administración máis próxima a eles. Dentro das nosas posibilidades, debemos dar resposta ás súas necesidades, arranxar os seus problemas. Seguiremos apostando polos servizos públicos, a conciliación, a mellora das infraestruturas tanto no casco urbán como nas nosas parroquias, en definitiva, repito, o obxectivo seguirá sendo mellorar a vida dos vilalbeses e vilalbesas.