Marta Rouco someterase a unha cuestión de confianza tras non aprobarse os orzamentos en Vilalba

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, anunciou que se someterá a unha cuestión de confianza despois de que o pleno municipal rexeitase o proxecto de orzamentos para 2026, que ascendía a máis de 14,2 millóns de euros. A proposta, que contaba co apoio do equipo de goberno, non saíu adiante ao votar en contra PP e BNG.
As contas municipais contemplaban un incremento de arredor de 900.000 euros respecto ao exercicio anterior e, segundo defendeu a rexedora, buscaban garantir o mantemento dos servizos públicos e responder ás necesidades da veciñanza cun marcado carácter social. Rouco lamentou a falta de apoio da oposición e apelou ao diálogo para acadar acordos que permitan avanzar.
Pola súa banda, o PP xustificou o seu voto en contra sinalando unha suposta falta de xestión e planificación por parte do goberno local, mentres que o BNG criticou a ausencia de negociación previa e cualificou a proposta como unha mostra de falta de consideración cara ás forzas que apoiaron iniciativas anteriores.
Desde o executivo local defenderon que este é o terceiro ano consecutivo no que se presentan uns orzamentos baseados na responsabilidade e no equilibrio, destacando o esforzo por manter a estabilidade e impulsar investimentos. Tamén subliñaron a necesidade de evitar atrasos en pagos e actuacións previstas.
A cuestión de confianza permitirá reabrir o proceso de aprobación das contas. No caso de non prosperar, abriríase un prazo para a presentación dunha moción de censura; de non producirse, os orzamentos quedarían aprobados automaticamente.