Marta Rouco volve solicitar unha reunión coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontela

TerraChaXa
Un mes e medio despois da visita da directora xeral de mobilidade, a alcaldesa de Vilalba asegura que “non obtiven ningún tipo de proposta nin solución sobre a a estación de autobuses"
visita-estacion-autobuses-vilalba
23 Nov 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, solicitou unha nova reunión coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, co obxectivo de que dende a Xunta de Galicia desbloqueen a situación da estación de autobuses e “acheguen, dunha vez por todas, unha solución acorde ás necesidades do noso municipio”.

Tras case doce meses de agarda a alcaldesa de Vilalba e a directora xeral de Mobilidade reuníronse na estación de autobuses da capital chairega a comezos do mes de outubro. Foi entón cando Judit Fontela se comprometeu a estudar as dúas posibles solucións para a estación de autobuses de Vilalba. A alcaldesa de Vilalba propúxolle durante o encontro manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan e habilitar un acceso aos baños.

Ademais, para a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, “é fundamental que se instale algún panel informativo coas rutas e os horarios e acondicionar a contorna”. Pola súa banda, dende a dirección xeral de Mobilidade propoñían instalar unha dársena nas inmediacións da estación, o que suporía o peche definitivo do recinto.

Un mes e medio despois da visita da directora xeral de mobilidade a alcaldesa de Vilalba asegura que “non obtiven ningún tipo de proposta nin solución ao respecto, así como tampouco recibimos resposta á problemática do transporte escolar e integrado no noso municipio”.

Nesa liña, Rouco tamén lle trasladou no último mes unha nova problemática do transporte escolar á dirección xeral de mobilidade. En concreto, “fíxenlles chegar a situación dunha familia dun neno de 3 anos que se ven obrigados a esperar o autobús na beiravía da estrada”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen aproveitou para enviar, de novo, a carta das familias afectadas polas incidencias no transporte escolar e no transporte integrado de múltiples parroquias do municipio.

En vista do bloqueo da situación Marta Rouco solicitou “unha cita coa directora xeral de mobilidade, Judit Fontela, á maior brevidade posible, para abordar cuestións que son fundamentais para o noso Concello e os nosos veciños e veciñas”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1861400604248