Martiño maseda recibe o premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro
O poeta vilalbés Martiño Maseda vén de recibir o VII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, organizado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
No acto de entrega lembrouse a importancia que ten o xénero poético e a que tivo no seu día na reincorporación da lingua galega ao ámbito da cultura tras os séculos escuros, e en que a poesía foi a porta para que a lingua galega alcanzase a calidade e a difusión que hoxe ten o conxunto da literatura.
Ademais de Valentín García secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo, no acto de entrega de premios interviñeron Elena Candia López, alcaldesa de Mondoñedo; Pilar García Porto, responsable da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo; Armando Requeixo Cuba, crítico literario, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e membro do xurado, e os tres autores premiados.
O poeta galardoado co primeiro premio na presente edición do Manuel Leiras Pulpeiro de poesía foi o vilalbés Martiño Maseda Lozano pola obra Mapa de xeografía emocional. O segundo premio recaeu no ferrolán Alberte Momán Noval por 1(14)1 e o terceiro foille outorgado a Jorge Alonso García, nacido en Bos Aires e asentado en Vilagarcía de Arousa, por Documentos do escribinte.
O Concello de Mondoñedo anunciou que en 2019 publicará un libro cos poemas gañadores das sete edicións do certame celebradas ata o momento.