Martul acolle este venres a proxección de Pura, a curta premiada de Carmen Méndez

LugoXa | TerraChaXa
A curta, de 25 minutos, acumula un destacado palmarés, entre eles o Premio Mestre Mateo á Mellor Curta
proxeccion-pura
12 Dec 2025

Martul celebrará este venres unha nova cita cultural coa proxección da curta Pura, dirixida por Carmen Méndez, un evento organizado pola Asociación de Veciños e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A sesión incluirá un coloquio coa directora, que dialogará co público sobre o proceso creativo e os temas que aborda a obra.

A curta, de 25 minutos, acumula un destacado palmarés, entre eles o Premio Mestre Mateo á Mellor Curta, o Premio do Público no Festival da Roca e tres galardóns —público, mellor montaxe e mellor curta nacional— no Aguilar Film Festival. A historia narra a volta dunha muller á casa familiar, onde, coa cámara na man por primeira vez, retrata a súa nai e a súa avoa nun exercicio de memoria e reconciliación persoal.

A entrada será gratuíta ata completar capacidade, e a organización anima á veciñanza a participar nunha velada que promete emoción, reflexión e cinema galego da máxima calidade.

⚙ Configurar cookies
0.07464599609375