Maurizio Polsinelli gaña o certame de poesía Torre de Caldaloba

TerraChaXa
O pasado venres, 11 de novembro, celebrouse a xuntanza do xurado do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba.
v premio poesia torre caldaloba
16 Nov 2022

O pasado venres, 11 de novembro, celebrouse a xuntanza do xurado do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ e a Xunta de Galicia. Acordaron conceder por maioría de votos o primeiro premio a Cartografía dos Tránsitos, de Maurizio Polsinelli.

O segundo premio correspondeu á obra Caeiro, de María Mercedes Rodríguez Bolaño

Da obra gañadora, o xurado salientou que se trata dun traballo artesanal da palabra poética, dentro dunha proposta desenvolvida con técnica e elegancia. Ademais de destacar "a súa riqueza en recursos expresivos e referencias cultas e evocadoras, acaídas con moi acertada habilidade. Estruturalmente equilibrado e cunha excelente musicalidade".

De Caeiro o xurado citou a súa plasticidade e emprego de imaxes poderosas. En ocasións presenta un ritmo sincopado, e unha contención que evita a saturación ornamental, cunha forza metafórica suxestiva.

O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, artista multidisciplinar; Andrea Fernández Maneiro, escritora e gañadora da pasada edición do certame; Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario; Beatriz Dourado, escritora e profesora, e Xosé Otero Canto, escritor e profesor.

A entrega de premios terá lugar este sábado, 19 de novembro, no local social de Pino, onde previamente se realizará a inauguración da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino.

0.15468406677246