Maxia e teatro esta tarde en Riotorto para toda a familia

O Concello de Riotorto acollerá este xoves, 30 de outubro, o espectáculo A Maxia dos Libros, unha proposta familiar que combina literatura, humor e ilusións máxicas, protagonizada polo Mago da Boina e Nami. A actividade celebrarase ás 18:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura Avelino Díaz, con entrada de balde e dirixida a público a partir dos sete anos.
A través da maxia e da narración, o Mago da Boina e a súa compañeira Nami convidarán aos asistentes a mergullarse no fascinante universo de Crónicas do Mago Errante. Esplendor e decadencia do clan Fu, obra de Daniel Ares Blanco, publicada pola Editorial Mago Errante.
O evento, que se enmarca no programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, busca fomentar o gusto pola lectura entre o público infantil e familiar, combinando a creatividade e a fantasía coa importancia dos libros como fonte de coñecemento e entretemento.
Dende o Concello de Riotorto animan a todas as familias a asistir e desfrutar dunha tarde chea de ilusión e historias inesquecibles, onde a maxia e os libros se unen para facer soñar aos máis pequenos e tamén aos maiores.
