Medio cento de locais de 23 concellos lucenses ofrecen bonito de Burela grazas á Deputación e á APHEL

TerraChaXa | LugoXa
16 Aug 2019

A Deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Cheché Real, presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos, as xornadas 'Exaltacións Gastronómicas...E Para Comer Lugo' do mes de agosto. As degustacións gastronómicas terán lugar, dende este venres ao 25 deste mes, en 50 establecementos de hostalería de 23 concellos da provincia. Estes restaurantes introducirán nos seus menús o bonito de Burela, os pementos de Mougán e a castaña de Galicia, cociñados baixo diferentes estilos.

García Porto destacou que “desde o mes de abril e ata o vindeiro mes de novembro impulsamos, desde a Deputación de Lugo e da man de APEHL, este proxecto co fin de continuar fomentando o turismo gastronómico na provincia. Nesta liña, a través desta programación, poñemos en valor a excelente calidade dos produtos gastronómicos da nosa provincia a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe (DOP)”.

Co programa Exaltacións Gastronómicas, a Deputación continúa apostando pola promoción dos produtos autóctonos de calidade como clave para a reactivación da economía da provincia. Neste senso, este mes de agosto, ademais do bonito de Burela e os pementos de Mougán, exáltase tamén a castaña de Galicia, un produto que grazas a un proceso de transformación e conservación é posible consumilo durante todo o ano e pode empregarse en multitude de receitas de cociña. 

CALENDARIO. Estas xornadas gastronómicas realízanse todos os meses exaltando diferentes produtos da provincia. Cada unha ten unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro. Os locais de hostalería participantes incluirán nas súas cartas pratos que conteñan os alimentos seleccionados en cada mes. Na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e en www.eparacomerlugo.com pódese consultar os restaurantes participantes, as datas e os produtos que se exaltan cada mes.

Na provincia de Lugo, a Festa do Bonito de Burela acaba de ser declarada de Interese Turístico Nacional, un recoñecemento que revela a importancia económica, social e turística que ten a captura deste produto para a provincia.  A de Burela é a principal lonxa de Galicia en comercializar este peixe converténdose durante estes meses na capital galega do bonito do norte. 

Pola súa banda, o Concello lucense de Guntín, é o maior produtor dos pementos de Mougán e o lugar onde se sitúa a sede da súa Indicación Xeográfica Protexida. Entre 5 e 6 hectáreas dedícanse a este cultivo autóctono principalmente ao aire libre. Só o 30% prodúcese en invernadoiros. 

En canto ao sector das castañas, en Galicia comercialízanse entre 15.000 e 20.000 toneladas cada ano, en función da tempada. Isto supón un volume de negocio de entre 30 e 45 millóns de euros ao ano para o sector produtor, que se eleva a máis de 100 millóns de euros no sector transformador e comercializador. 

0.16198801994324