Medio cento de persoas participaron na ruta do programa BTTeando por Guitiriz

TerraChaXa
O itinerario de 20 quilómetros percorreu as parroquias do Buriz, Os Vilares e Labrada, cunha parada especial na casa do poeta Díaz Castro
btteando-por-guitiriz-lado-oscuro
13 Oct 2025

Ata medio centenar de persoas participaron na volta do programa BTTeando por Guitiriz, celebrado o pasado domingo, 12 de outubro. Logo do parón estival, o programa organizado polo Concello de Guitiriz coa colaboración do club Btteiros Cova da Serpe retomou a súa actividade cunha das rutas máis concorridas desta sétima edición.

Nesta ocasión, os e as participantes realizaron a Ruta do Lado Oscuro, un percorrido circular de 20 quilómetros con saída desde o Campo da Festa do Buriz. O itinerario discorreu polas pistas e sendeiros das parroquias do Buriz, Os Vilares e Labrada, incluíndo unha parada especial na casa do poeta Díaz Castro, onde o grupo puido facer unha breve visita.

Ao longo do percorrido houbo tamén paradas de avituallamento, nas que os e as ciclistas aproveitaron para repoñer forzas e compartir momentos de convivencia. O bo tempo acompañou durante toda a xornada, o que contribuíu ao éxito da actividade.

O programa BTTeando por Guitiriz continuará próximos meses con dúas propostas antes de que remate o ano; a Ruta Gravel Guitiriz (16 de novembro) e a Ruta de Nadal (14 de decembro).

⚙ Configurar cookies
0.067889928817749