Medio cento de tenistas en Vilalba polo Torneo San Ramón

TerraChaXa
Despois de 25 anos, o Torneo de Tenis San Ramón agarda cumprir outros 25 da man do Club de Tenis Vilalbés que o poñía en marcha no ano 1993, pouco despois da súa creación.
XXV Torneo San Ramón de Tenis
20 Ago 2017

Despois de 25 anos, o Torneo de Tenis San Ramón agarda cumprir outros 25 da man do Club de Tenis Vilalbés que o poñía en marcha no ano 1993, pouco despois da súa creación.

Así, entre o domingo 13 e o venres 18 de agosto déronse cita nas instalacións deportivas da Madalena medio cento de tenistas de Vilalba, Cospeito, Lugo, As Pontes e outros lugares de Galicia -A Coruña, Ferrol ou Ourense- e, mesmo, de Madrid para competir en cinco categorías - infantil masculino, cadete masculino, senior +35 masculino, absoluto federado masculino e absoluto non federado masculino-.

Na categoría infantil proclamábase campión José García (CT As Termas) logo de remontar un 4/6, 6/2 e 10/7 ante Marcos Afonso (Madrid).

O vilalbés Xoel Fernández (CT Vilalbés) tiña que conformarse co subcampionato cadete ao caer na final ante Carlos Durán (CT Sporting Casino A Coruña) por 6/4, 3/6 e 6/3.

Fernando de Pablos vencía a Julio Guntín na final senior +35 por 6/2 e 6/0.

E na categoría sénior, entre os non federados era Fermín Arnoso (CT As Pontes) o que se facía co campionato ante José Luís Corredoira (CT D10 Lugo) nunha final que remataba cun 5/7, 7/6 e 7/5; mentres que entre os federados David Cao (CT Coruña) se impoñía con claridade a Daniel de Pablo (CT Caja Mágica de Madrid) por un 6/3 e 6/0.

Agradecementos
O club agradece ao Concello a cesión das instalacións do complexo deportivo da Madalena, aos distintos alcaldes e concelleiros de deportes por “ter presente este deporte minoritario no seu proxecto deportivo para Vilalba”. O director deportivo do club, Paulino Fernández, agradece tamén a colaboración desinteresada das distintas directivas e socios do Club de Tenis Vilalbés” recordando, especialmente, a Juan José González Osorio.

0.16837787628174