Medio Rural avanza no proceso de traspaso de parcelas do Banco de Terras aos Concellos

TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural está a piques de concluír o proceso de traspaso de parcelas que a día de hoxe forman parte do catálogo do Banco de Terras, pero que non teñen utilidade agraria.
6 sep 2017

A Consellería do Medio Rural está a piques de concluír o proceso de traspaso de parcelas que a día de hoxe forman parte do catálogo do Banco de Terras, pero que non teñen utilidade agraria. Tras estudar en profundidade os predios de cada concello, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse este mércores con alcaldes de municipios da Coruña e de Lugo que poderán beneficiarse desta transferencia para avanzarlles os predios que son susceptibles de recibir para facer un uso social deles.

En concreto, no caso da provincia da Coruña, o portavoz de Medio Rural, acompañado polo delegado da Xunta Ovidio Rodeiro reuniuse cos alcaldes de Ames, Boimorto, Boqueixón, O Pino, Santiago de Compostela, Teo e Touro, aos que se lles explicou o proceso a seguir. En concreto, entre estas dúas comarcas o Banco de Terras dispón de 383 parcelas susceptibles de ser en realidade de titularidade municipal.

Isto é así grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga) que permite que este tipo de terreos sen utilidade agraria pasen a ser directamente do concello dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata o de agora.

No caso da provincia de Lugo, hai 254 predios que poderán ser traspasados a sete concellos das comarcas da Mariña Central e A Mariña Oriental: A Pontenova, Trabada, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo e O Valadouro. A este encontro asistiu o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

A reunión en ambos casos serviu para que os representantes municipais coñecesen con exactitude (a través de fichas individuais) as parcelas obxecto de recoñecemento e para que, nun prazo de dez días, poidan formular emendas ou alegacións. Transcorrido ese período as parcelas serán transferidas a cada concello.

Máis encontros
Nos próximos días será a quenda das provincias de Ourense e Pontevedra. No primeiro caso son 205 parcelas de 15 concellos da Limia e Terra de Celanova. En Pontevedra está previsto ceder en torno a 299 predios de seis concellos das comarcas de Deza e Tabeirós.

Non é a primeira vez que se leva a cabo este proceso. En maio deste ano formalizouse o primeiro traspaso deste tipo ao concello de Vedra, que recibiu ata 64 predios. Elixiuse este municipio para iniciar o proceso por ser unha das localidades que máis parcelas tiña no Banco de Terras.

A través deste trámite, ademais de mobilizar terreos e lograr espazos para uso dos veciños, lógrase tamén facer máis operativo o Banco de Terras que, a día de hoxe, conta cuns 12.500 predios no seu catálogo. O último paso despois destes encontros será formalizar o cambio de titularidade coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

0.19162702560425